Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Por un futuro sostible na nosa ría

 

Arousa Norte uniuse esta semana á campaña de actividades medioambientais POR UN FUTURO SOSTIBLE NA NOSA RÍA que se desenvolverá durante todo o mes de novembro nos concellos de Vilagarcía, A Illa, Cambados, Vilanova e O Grove. As actividades teñen como obxectivo sensibilizar á poboación máis nova para concienciala da importancia de coidar os nosos mares e océanos.

Na actualidade, por desgraza, é case imposible percorrer o noso litoral sen atopar algún residuo sólido de orixe non natural, especialmente plásticos. O lixo mariño supón unha grave ameaza para a vida dos océanos, tanto pola súa elevada cantidade como pola súa composición. O principal problema do plástico é que se trata dun material non biodegradable, polo que, co paso do tempo rómpese en anacos cada vez máis pequenos, tan pequenos que as veces nin os vemos: chamámoslles microplásticos. Estes anacos, e os tóxicos que portan, vanse acumulando no corpo dos depredadores mariños e avanzan na rede trófica acumulándose e multiplicando o seu perigo. Se non poñemos freo a este problema os humanos estaremos comendo organismos que consumiron lixo mariño.

O programa contempla sesión divulgativas nas aulas e tamén investigación de campo nas praias, onde alumnos e alumnas de centros de secundaria dos cinco concellos da Arousa Sur levarán a cabo investigacións mariñas e xincanas de recollida de lixo que posteriormente clasificarán e reciclarán.