
O GALP Ría de Arousa realizou a primeira xornada de 2022 do programa O Sal do Mar, que se centrou na formación en saúde sexual e reprodutiva das mulleres do mar da Arousa.
O encontro, que tivo lugar no Auditorio de Rianxo do concello homónimo, contou coa participación de 20 mulleres. A benvida correu da conta de Mª José Vales como presidenta do GALP, que destacou a importancia destas xornadas para continuar fortalecendo a rede de mulleres do mar e seguir dando pasos cara a igualdade de xénero no sector pesqueiro.
Así mesmo, Rosa Carballo, xerente da entidade, enmarcou estas xornadas no proxecto “O Sal do Mar”, que planifica a celebración de novas xornadas nos vindeiros meses. Pola súa banda, Hadriana Ordóñez, concelleira de Benestar social, diversidade e igualdade do Concello de Rianxo, deu a benvida ás xornadas, salientando a alta participación e a necesidade de desenvolver eventos sobre temas de interese para o apoderamento das mulleres.
Carácter didáctico
A xornada tivo un carácter moi didáctico, enmarcando o dereito á información sobre a saúde sexual e reprodutiva entre os dereitos das mulleres. Para realizar as oportunas explicacións, á sesión acudiron Mª Paz Diéguez, subdirectora da escola de enfermaría da Universidade de Vigo; Mª Dolores Rodríguez, matrona do Servizo Galego de Saúde; e Claudia González, profesional da saúde mental no Servizo Galego de Saúde.
Da man destas profesionais da saúde as asistentes puideron coñecer de que está composta a menstruación, como funciona, as súas fases e os seus efectos. Tamén tiveron a posibilidade de observar e tocar os produtos de hixiene menstrual máis axeitados para os traballos no mar.
Ademais, abordouse o embarazo como un dereito das mulleres á súa planificación e a ser coidadas por profesionais e acompañadas neste proceso, dende unha consulta preconcepcional ata que a muller o considere, sendo elas as protagonistas e as que toman as decisións ao longo do proceso. En canto ao solo pelviano, as participantes informáronse sobre o que é, como fortalecelo e a importancia para a súa saúde. A charla foi complementada con dúbidas que foron xurdindo.
Tras o encontro, enviouse a cada asistente a presentación empregada na sesión, para que poidan acceder á mesma cando queiran e consultala con calma. Dúas das profesionais da saúde participantes están desenvolvendo dúas teses académicas. Mª Paz Diéguez sobre o liderado e o asociacionismo das mulleres do mar; e Dolores Rodríguez estuda a saúde reprodutiva das mulleres do mar. Por iso, estableceuse contacto entre elas e a Asociación Mulleres Salgadas.
Próxima xornada
A próxima xornada do programa, que tamén abordará a mesma temática, celebrarase o 6 de abril de 18:00 a 20:30 h no mesmo lugar, o Auditorio de Rianxo.
Máis información sobre o programa na nosa web, no seguinte enlace.

