
Rapazas e rapaces de 5º e 6º de primaria do CEIP As Bizocas de O Grove participaron hoxe na primeira sesión de sensibilización ambiental dentro da campaña «Un futuro sostible para a nosa ría» impulsado polo Grupo de Acción Local Pesqueira de Arousa. Con el búscase concienciar aos máis pequenos da necesidade de coidar a súa ría e en xeral todo o litoral mariño.
A xornada de sensibilización ambiental comezou no centro escolar e completouse cunha limpeza da praia Area da Cruz. Desde o GALP RÍA DE AROUSA, a súa xerente, Rosa Carballo, apunta que o programa busca «non só propiciar o desenvolvemento da zona na que se atopa asentado, senón tamén favorecer a creación de dinámicas que permitan a posta en valor do territorio entre os habitantes do mesmo, e a potenciación dos recursos naturais». Carballo pensa que “a recollida de plásticos e outros residuos nas praias é un bo xeito de amosar á mocidade do Salnés a magnitude do problema da contaminación”.
Neste proxecto van participar as alumnas e alumnos dos concellos de A Illa, Vilagarcía e Vilanova de Arousa, e Cambados. En total participarán aproximadamente 541 alumnas e alumnos.

