
O Sal do Mar celebra un obradoiro para reforzar o liderado das mulleres do mar da Ría de Arousa
O xoves 28 de setembro tivo lugar un obradoiro de capacitación no que participaron 17 mulleres do mar, na súa maioría bateeiras e mariscadoras. O Sal do Mar ten por obxectivo dar a coñecer o GALP Ría de Arousa ás mulleres da zona costeira e ás entidades nas que desenvolven a súa actividade profesional, a través de obradoiros de formación e de información arredor de temáticas relacionadas co mundo do mar.
Rosa Carballo Martínez, xerente do GALP Ría de Arousa, presentou ao Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro como ferramenta para o desenvolvemento económico do territorio, quedando a disposición das participantes para o desenvolvemento de iniciativas arredor da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo no período FEMPA. O período para presentar proxectos está aberto dende o 26 de setembro, cando foi publicada a orde de axudas.
Durante o obradoiro do Sal do Mar, mariscadoras e bateeiras, representantes de confrarías de pescadores e agrupacións de marisqueo, e membros da directiva de cooperativas da zona costeira, participaron dun espazo formativo no que puideron poñer en práctica distintas habilidades de comunicación para reforzar o liderado das mulleres do mar. A través dunhas pautas teóricas, e a posta en práctica de metodoloxías de formación – acción, as participantes puxeron en xogo as súas capacidades para transmitir información, ser asertivas e tecer alianzas para liderados colectivos.
Vindeiras datas:
O martes 17 de outubro terá lugar un Encontro de entidades vinculadas ao GALP Ría de Arousa, sendo este o primeiro acto público no período FEMPA. Neste Encontro darase a coñecer a nova orde de axudas para presentar proxectos, contarase coa experiencia de iniciativas económicas que recibiron financiamento durante o período anterior, e compartiranse os resultados do Sal do Mar. Para finalizar o Encontro, ofrecerase un espazo de networking que permita ás persoas asistentes a conversar e intercambiar ideas para o futuro da zona costeira.
Podes inscribirte en galp.mar.riadearousa@xunta.gal ou no 627 096 062 (whatsapp e chamadas).