Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP A Mariña-Ortegal comeza o programa escolar "Xogando na Auga 2018"

O programa escolar “Xogando na Auga”, é unha iniciativa de sensibilización e divulgación do GALP A Mariña-Ortegal para achegar aos escolares do territorio do Ortegal (dende Mañón ata Valdoviño) ás técnicas de navegación en embarcacións de vela e de remo. Trátase de poñer en valor o acervo cultural relacionado coa navegación tradicional e as artes mariñeiras, tan importantes nestes pobos pesqueiros.

Levarase a cabo dende principios de xuño ata finais de novembro en coordinación cos centros escolares interesados en participar, e vai dirixido aos rapaces de 5º e 6º de primaria, toda a educación secundaria e bacharelato, en total 635 escolares.

As actividades realizaranse no encoro As Forcadas (Valdoviño) ou nas rampas, pantaláns e zonas marítimas, que dispoñan das condicións axeitadas, situados nos concellos dos centros beneficiarios do programa.  Durante tres horas os rapaces recibirán unha unidade didáctica con tarefas e explicacións divididas en dous bloques de contidos: os adicados á navegación a vela, e os adicados ó piragüismo e a navegación a remo.

Actividades de modalidades deportivas tradicionais como a  vela lixeira e o piragüísmo misturaranse con outras máis recentes como o kaiak polo e o paddle board para configurar unha experiencia recreativa e educativa de contidos eminentemente procedimentais. Trátase de que os rapaces teñan un primeiro contacto coa navegación e adquiran unhas habilidades rudimentarias que lles servan para gobernar unha embarcación con ventos froxos e sobre unha lámina de auga moi estable. Orientarse respecto ó vento, crear unha palanca co remo, facer unha virada, manexar a caña do temón, cazar as velas, colaborar cos compañeiros e divertirse na auga son exemplos dos contidos obrigatorios desta sesión.

Ademais, ofrecerase información sobre o GALP A Mariña-Ortegal, os seus recursos e a labor desenvolvida polo Grupo no territorio, a través dun vídeo de presentación; así mesmo distribuiranse nos centros participantes, trípticos informativos sobre a Estratexia e as axudas do GALP, para que tanto os rapaces como os profesores servan de transmisores da información, e así pode chegar a unha maior parte da poboación e podan xurdir novas iniciativas emprendedoras.

Os centros interesados poden informarse no seguinte enderezo electrónico: xogandonaauga@gmail.com  

Este pasado luns comezou o programa con 47 alumnos do IES Cabo Ortegal de Cariño e 29 do IES de Ortigueira, que a pesar da chuvia, levaron a cabo as actividades no encoro As Forcadas, e atravesárono dende a parroquia de Vilaboa ata Loira.