
Un ano máis o GALP RÍA DE AROUSA pon en marcha o seu programa de actividades Medio Ambientais na Arousa Norte co obxectivo de concienciar á cidadanía sobre a necesidade de coidar o noso entorno en beneficio das persoas e do planeta.
En edicións anteriores o tema central era a contaminación mariña e en concreto os residuos nas zonas costeiras e os microplásticos. Nesta ocasión serán protagonistas os espazos naturais protexidos e poñerase de manifesto a importancia que ten a súa conservación e preservación.
Ademais, este ano o programa non vai destinado só a escolares senón que captará destinatarios entre as familias, asociacións de mulleres ou entidades de carácter social e usuarios con diversidade funcional.
A programación levarase a cabo ata finais de xuño nos concellos de Catoira, Rianxo, Boiro, A Pobra e Riveira e, entre outros, visitaranse espazos como o Parque Nacional das Illas Atlánticas no seu arquipélago de Sálvora, o Parque Natural de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, desembocadura do río Ulla, espazos de praia e monte da Serra do Barbanza. En todos estes espazos desenvolveranse actividades de carácter sensorial nas que as persoas participantes aprenderán e disfrutarán.
O arranque do programa terá lugar hoxe 22 de maio no concello de Riveira, onde un grupo de 40 mulleres que participan en diferentes programas e actividades municipais visitarán a Illa de Sálvora con guías acreditados para coñecer este recén declarado Ben de Interese Cultural. No acto participará tamén Rosa Carballo, xerente do GALP Ría de Arousa.

