Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Os II Premios da Economía Azul recoñecen os cinco mellores proxectos de desenvolvemento sustentable na costa galega

Os II Premios da Economía Azul recoñecen os cinco mellores proxectos de desenvolvemento sustentable na costa galega

Hoxe entregáronse en Santiago os segundos Premios Economía Azul, un recoñecemento aos mellores proxectos sustentables das zonas pesqueiras de Galicia postos en marcha no marco das convocatorias de axudas para iniciativas dos grupos de acción local do sector pesqueiro. Foi no transcurso dunha gala celebrada no Salón de Convencións do edificio CINC da Cidade da Cultura, que contou coa presenza da conselleira do Mar, Rosa Quintana; a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo; os representantes das confrarías de pescadores; a representante da Rede Europea das Zonas de Pesca (FARNET), e as presidentas e presidentes dos Grupos de Acción Local Pesqueira de Galicia. O acto, conducido polas actrices Marta Pérez e Diana Sieira de INVERSA TEATRO, contou cun peche musical a cargo do renovador da música tradicional galega, Davide Salvado que interpretou un repertorio de pezas tradicionais recollidas nas poboacións costeiras galegas e vinculadas cos traballos e a vida a carón do mar.

Os Premios da Economía Azul están promovidos pola Consellería do Mar, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e teñen como obxectivo recoñecer os mellores proxectos de desenvolvemento sostible nas zonas pesqueiras galegas, no marco da implantación das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo dos Grupos de Acción Local Pesqueira de Galicia (GALP). Con estes galardóns preténdese visibilizar o traballo dos GALP nas zonas pesqueiras, e motivar a potenciais promotores para que presenten proxectos ao abeiro das EDLP dos GALP.

Nesta segunda edición convocáronse cinco categorías: Mellor proxecto de Apoio á Pesca Costeira Artesanal; Mellor proxecto de Creación de emprego; Mellor proxecto de Diversificación; Mellor proxecto de Innovación Local e Mellor Proxecto de Economía Circular. Os proxectos finalistas foron seleccionados por unha comisión da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro que escolleu 3 proxectos por cada categoría entre as propostas presentadas polos GALP. Os criterios desta selección están determinados polos beneficios que os proxectos son capaces de xerar para o sector pesqueiro; a súa contribución á creación de emprego nas zonas pesqueiras; o reforzo da identidade, a cultura e o patrimonio local da zona pesqueira; os elementos innovadores no contexto local; e a creación de oportunidades para mulleres e mozos/as no sector pesqueiro ou marítimo. Os proxectos gañadores desta edición, escollidos a través da web galp.xunta.gal nun proceso de libre participación entre o 1 e o 20 de outubro, foron:


Mellor proxecto de apoio á pesca costeira artesanal:

‘Do mar á mesa: Depuración e punto de venda’. Confraría de Pescadores de Cedeira. (GALP A Mariña – Ortegal). Posta en funcionamento dunha instalación con equipamento técnico para depuración, embolsado, etiquetaxe e venda directa de bivalvos vivos na lonxa de Cedeira para optimizar as condicións de comercialización de moluscos bivalvos, proporcionando valor engadido ao produto e repercutindo no incremento de competitividade do sector marisqueiro, tanto da Confraría de Cedeira como no resto de confrarías do territorio de Ortegal. Esta actividade promove iniciativas de turismo mariñeiro mediante visitas guiadas ás instalacións, promocionando un consumo responsable e dando a coñecer a actividade de marisqueo e os produtos da zona.


Mellor proxecto de creación de emprego:

‘Albergue Estela do Mar’. Estela do Mar S. Coop Galega. (GALP Ría de Vigo-A Guarda). O albergue está promovido por unha cooperativa formada por catro persoas (tres mulleres e un home), estimula a economía da zona e reforza o seu atractivo ofrecendo aloxamento en pleno centro de Baiona. A entidade promotora colabora coa Confraría de pescadores "La Anunciada" de Baiona ofertando aos clientes visitas á lonxa.  Tamén trata de implicar aos axentes de sectores vinculados co mar: visita á praza de abastos de Baiona, visitas guiadas ao Museo da Navegación, práctica de deportes náuticos (Kayak, paddle surf, vela), e oferta de todas aquelas opcións que melloren a actividade turística e mariñeira da vila de Baiona.

 

Mellor proxecto dediversificación:

‘Obras de Restauración do Dique da Cabana e a súa contorna’. Concello de Ferrol. (GALP Golfo Ártabro Norte). O dique de mareas da Cabana é unha obra única de enxeñería hidráulica do século XIX. Na actualidade representa un dos poucos exemplos que existen de diques de marea, e pola súa singularidade pode converterse nun elemento de atracción de turismo mariñeiro, á vez que posibilita a recuperación de métodos de construción tradicionais e sostibles. O proxecto supuxo a creación dun espazo de interpretación das actividades e as tradicións mariñeiras para divulgar o seu coñecemento, ao tempo que se levou a cabo a limpeza e recuperación do bordo marítimo litoral, mellorando notablemente as condicións medioambientais da ribeira da ría ferrolá.

 

Mellor proxecto de Innovación local:

‘Planta de Produción de Aceite de Microalgas’. CARBIOTECH S.L.U. (GALP Costa da Morte). Creación dunha empresa de produción de aceite a partir microalgas  no  Concello  de Carballo, para a obtención de  concentrado vexetal mariño con alto contido en DHA (omega   3), baseándose no emprego dunha tecnoloxía innovadora e cun impacto medioambientalmente máis sostible que as alternativas actuais, baseadas en fontes de orixe animal. O produto obtido é un aceite que se comercializará como ingrediente na fabricación de nutracéuticos e como materia prima en alimentación humana, en productos nos que sexa necesario un enriquecemento con DHA (ácido docosahexanoico), cuxa fonte principal actualmente é o pescado azul e o aceite de pescado, que se obtén da pesca extractiva.

 

Mellor proxecto de Economía Circular:

‘Produción de Mallas Protectoras biodegradables para o cultivo de mexillón’. Ecoplas Barbanza S.L. (GALP Ría de Arousa). Fabricación dun sistema de protección para as cordas de mexillón con polímeros biodegradables e compostables que protexen o molusco da acción depredadora dos peixes. Este sistema de protección fronte aos peixes depredadores lévase empregando con éxito noutros países. Ecoplas, como innovación, incorporará polímeros biodegradables e compostables para facer que o sistema sexa totalmente compatible co sistema de produción do mexillón galego buscando a protección do medio ambiente. Co emprego destes biopolímeros na fabricación das cordas poténciase o selo de “mexillón ecolóxico” que permite o cumprimento da normativa do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia.