Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Turismo mariñeiro na Confraría de Burela: unha experiencia para descubrir o porto, a pesca e a súa historia

O GALP A Mariña-Ortegal, no marco do proxecto de cooperación Mar e Rías: Pesca & Turismo, promove unha nova experiencia de turismo mariñeiro que permitirá achegarse á realidade pesqueira de Burela e coñecer de primeira man a historia, os oficios e as persoas vinculadas ao seu porto. 

A actividade celebrarase o 5 de outubro, ás 12:00 horas, con punto de encontro no Porto Pesqueiro de Burela, e consistirá nunha visita guiada pola Confraría de Pescadores de Burela. A proposta permitirá coñecer os diferentes tipos de embarcacións, o funcionamento da actividade pesqueira e o importante papel que a confraría desempeña na vida económica e social da localidade. 

A experiencia estará guiada por Diana Durán García e terá como un dos seus principais atractivos os murais que ocupan as fachadas da confraría, realizados con motivo da celebración do seu centenario en 2024. Estas obras representan diferentes escenas da vida pasada e presente do porto e das súas xentes. 

Os murais, deseñados polos artistas Martín Lestao, Belén Mogo, Héctor Manasé e Diego Domínguez, recollen elementos estreitamente ligados á identidade mariñeira de Burela: os oficios de redeira e vendedora de peixe, as embarcacións e especies mariñas, a pesca do bonito, o Torques de Burela ou a Virxe do Carme, entre outros. 

Ademais, este conxunto artístico conta cunha importante dimensión inclusiva, xa que na súa creación participaron diferentes colectivos sociais de Burela. A fachada dispón tamén dunha versión tiflolóxica e dunha explicación do proxecto en braille, facilitando o acceso a este patrimonio ás persoas con discapacidade visual. 

Esta iniciativa forma parte de Mar e Rías: Pesca & Turismo, un proxecto de cooperación no que participan os oito GALP de Galicia e conta co cofinanciamento da Consellería do Mar da Xunta de Galicia e da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e que ten como obxectivo impulsar novas experiencias vinculadas ao patrimonio, aos profesionais, aos oficios e á cultura mariñeira dos diferentes territorios. 

A través desta actividade, as persoas participantes poderán descubrir Burela desde unha perspectiva diferente, achegándose ao porto como espazo de traballo, patrimonio e memoria colectiva, e coñecendo a estreita relación que existe entre a vila e o mar.

Información da actividade

  • Data: 5 de outubro
  • Hora: 12:00 h
  • Punto de encontro: Porto Pesqueiro, s/n, 27880 Burela (Lugo)
  • Actividade gratuíta
  • Inscrición: 618 32 00 33