Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A exposición 'O Océano que nos une' mostra os tesouros do patrimonio mariñeiro de Fisterra

 

Tras visitar o Arquivo da Pesca de Caión, a exposición itinerante «O océano que nos une» continúa o seu percorrido pola Costa da Morte cunha parada na lonxa turística de Fisterra entre o 12 e o 22 setembro. O horario de visita será, todos os días, de 16:00 a 20:00 horas con acceso libre e de balde.

Nesta ocasión, e debido ás reducidas dimensións do Museo da Pesca -situado no histórico castelo de San Carlos (s. XVIII)- para acoller os dez paneis interpretativos, decidiuse levar a mostra a outro espazo emblemático da localidade como é a lonxa turística situada tamén fronte ao Atlántico, nun extremo do porto e moi próxima ao Museo da Pesca.

Entre os asistentes ao acto estiveron o alcalde e concelleiro de Turismo de Fisterra, José Marcote; o tenente de alcalde, Xan Carlos Sar; os xerentes do GALP4 Costa Sostible, Manuela Oviedo, e do GALP3 Costa da Morte, Guillermo González; e o técnico do Museo da Pesca, Francisco Manuel López. Este último foi o encargado de presentar ao espazo expositivo anfitrión e de explicar a relevancia dos elementos máis significativos da súa colección que se destacaron no panel dedicado ao Museo da Pesca.

Recordo dos naufraxios

O primeiro é a campá do barco Mathew Cay e o segundo, unha nasa francesa de lagosta. Este apeiro adoptou o nome do destino xeográfico ao que se enviaban os crustáceos fisterrás. No último terzo do s. XIX, o emprendedor local Plácido Castro Rivas exportaba lagostas a Francia en barcos viveiros. Tiña ademais dúas cetarias, unha en San Sebastián e outra na Bretaña francesa.

O rico patrimonio subacuático da Costa da Morte está representado no Museo da Pesca na campá do vapor mercante Mathew Cay, naufragado en 1887 fronte a esta liña de costa. Foi recuperada no lugar do seu afundimento nos baixos da Carraca, a 3 millas do cabo Fisterra. A súa historia, xunto coa doutros moitos naufraxios, recóllese no proxecto galicianshipwrecks.es, financiado polo GALP 4 Costa Sostible.

O Museo da Pesca alberga unha colección permanente dividida en tres exposicións: «A pesca a través da historia», «Pobos e casas mariñeiras» e «As artes de pesca». Entre a súa colección pódense atopar apeiros do día a día dos traballadores do mar, reproducións de embarcacións ou os escandallos de pesca- herdados dos fenicios- e utilizados para a navegación e a pesca. A base destes apeiros feitos en pedra e con forma de campá untábanse con sebo e, en función do tipo de fondo que viñese pegado, fungo ou area, os mariñeiros sabían o tipo de pesca co se ían atopar ou se navegaban preto da costa e había perigo de encallar.

Ao finalizar a presentación oficial, os asistentes realizaron un percorrido polos dez paneis da exposición «O océano que nos une» para coñecer os museos adheridos á Rede REMA.

Final do percorrido

Tras pasar polo Centro de Interpretación de Caldoval (26/09 – 06/10), esta mostra itinerante volverá á Costa da Morte para finalizar o seu periplo de case catro meses e medio pola costa galega. En concreto, do 10 ao 20 de outubro estará no Museo Man en Camelle (Camariñas) e do 24 de outubro ao 3 de novembro, no Centro Cívico de Malpica, en representación do Ecomuseo do Forno do Forte de Buño.

Unha rede en evolución

A Rede de Espazos Museísticos Atlánticos é un dos eixos vertebradores de Morada Atlántica, un proxecto colaborativo impulsado polos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia, que inclúe entre os seus socios oito GALP de Portugal, tres de Andalucía e un procedente das Illas Canarias.

O proxecto Morada Atlántica foi aprobado pola Consellería do Mar e está financiado a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).