Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Continúa no Grove a incubación de proxectos de Tanza para a cooperación entre o sector pesqueiro e o da inclusión

No abeiro do Proxecto Tanza para a cooperación entro o sector pesqueiro e o da inclusión social tivo lugar onte o III Encontro Territorial do GALP da Ría de Arousa. A xuntanza produciuse novamente nas instalacións de Amegrove e a ela achegáronse representantes do propio espazo, así como da Fundación Bata, a Asociación Amicos e a xerente do GALP, Rosa Carballo.

 

A reunión centrouse na concreción das liñas de acción a resolver xurdidas na anterior xuntanza: os residuos xerados pola industria do mexillón, o tratamento dos sacos empregados na distribución e tratamento deste molusco e mais a problemática do vertido de plásticos na Ría de Arousa. Porén, ao longo da sesión afondouse nas posibles iniciativas de recollida de plásticos da ría, continuando a dinámica do traballo da creación dun prototipo de proxecto que sensibilice ao sector pesqueiro no relativo á recollida e clasificación de plásticos, contando tamén coa axuda de entidades de inclusión social para a caracterización destes residuos recollidos nas embarcacións para o seu posterior reutilización.

 

A asistencia técnica do proxecto continuará afondando no artellamento das liñas a seguir para a concreción do prototipo do proxecto de cooperación, así como a busca de apoio e colaboración de entidades da administración para o desenvolvemento de iniciativas de cooperación que avogan pola economía circular e a reutilización dos refugallos para darlles unha nova vida.

O equipo promotor continuará artellando a iniciativa e xa está calendarizada a seguinte xuntanza para o vindeiro mes de decembro, na que continuará o proceso de hibridación de proxectos entre o sector do mar e o da inclusión que fomenten o coidado das augas.