Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Entrega de Diplomas do proxecto de turismo mariñeiro MAR DAS ILLAS

Mañá venres 29 de xuño ás 18:00 horas comezará o acto de entrega de diplomas na sede central do PNMTIAG -Edificio Cambón-. Asistirán dona Susana Rodríguez Carballo,  Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro; D. Alfonso Rubio Cordón, Secretario Territorial da Delegación da Xunta en Vigo;  D. Jose Antonio Fernández Bouzas, Director-conservador do PNMTIAG, así como os presidentes e xerentes dos 3 Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro impulsores do proxecto.

Os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra, Ría de Arousa e Ría de Vigo – A Guarda, promoven o  proxecto Mar das Illas, que ten por obxecto a creación dunha rede de apoio e preparación dos profesionais da pesca para a diversificación da súa actividade profesional cara ao turismo mariñeiro Rías Baixas de Galicia especialmente no ámbito do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (PNMTIAG), socio colaborador do proxecto.  O turismo pesqueiro ou mariñeiro -segundo se contempla na Lei 8/2009 de 11 de decembro, de modificación da Lei 11/2008, de 3 de decembro, de pesca de Galicia- é unha actividade desenvolta polos colectivos de profesionais do mar orientada á valorización do seu traballo no medio mariño.

Para poder desenvolver esta actividade os profesionais do mar tiveron a oportunidade de formarse ao través do Proxecto "Mar das Illas" para traballar en Turismo Mariñeiro no ámbito de influencia do PNMTIAG. Os cursos celebráronse dende finais de maio a mediados de xuño en cada territorio dos GALPs, e tiveron coma obxectivo capacitar aos profesionais do mar para poder informar dun xeito eficaz e rigoroso aos turistas, aplicando as técnicas da disciplina da Interpretación do patrimonio. Os asistentes recibiron formación sobre o patrimonio natural e cultural que alberga e protexe o Parque Nacional Marítimo Terrestre das illas Atlánticas de Galicia, as súas normas de xestión e uso público, así como as técnicas interpretativas que deben usar para poñer en práctica as súas actividades turísticas.

Paralelamente aos cursos formativos editouse a "Guía de Iniciación ao Turismo Mariñeiro no ámbito de influencia do Parque Nacional das Illas Atlánticas", manual de referencia nos cursos que pode ser consultado e descargado ao través da web www.mardasillas.com