Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Mar das Illas aposta por impulsar o turismo mariñeiro e as boas prácticas pesqueiras

 

As dependencias do pazo vilanovés de Vista Real acolleron onte a presentación da segunda parte do proxecto "Mar das Illas", unha iniciativa non produtiva coa que se quere elaborar unha proposta sectorial de turismo mariñeiro e un código de boas prácticas para a pesca no ámbito do Parque Nacional das Illas Atlánticas, promovendo a sostibilidade entre pesca e turismo. Na iniciativa que deu comezo onte no pazo de Vista Real, participan un total de 24 persoas, que se desprazarán o vindeiro xoves ata Cortegada dentro das accións que se van realizar para a súa formación como guías dentro do Parque Natural Illas Atlánticas.

O principal obxectivo desta iniciativa é promover, por parte do sector pesqueiro, actividades de diversificación que permitan visibilizar e garantir a sostibilidade das súas prácticas no ámbito dun ecosistema tan delicado como o que existe nas illas do Parque Nacional. Esas prácticas daranse a coñecer a través da formación e da regulación de melloras da comercialización de produtos e servizos da pesca.

A primeira fase do programa tivo unha excelente acollida e o interese que amosou o sector na regulación do turismo mariñeiro e nos cursos formativos foi espectacular. Por iso, se lanza  agora esta nova edición, para dar continuidade ao proxecto, formando a todas aquelas persoas interesadas que quedaron en lista de agarda a pasada edición.

Durante la semana pasada, do 15 ao 18 de outubre, celebrouse o primeiro dos cursos no GALP da Ría de Vigo-A Guarda, e agora tócalle a quenda ao curso de iniciación ao turismo mariñeiro no GALP da Ría de Arousa. Nos últimos anos, foi en aumento o interese do turismo por coñecer o traballo que se realiza na ría de Arousa para a extracción de moluscos. Un exemplo é a empresa Guimatur de Cambados, que leva anos dedicándose a amosar o traballo das mariscadoras.