Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP Ría de Arousa consegue o Premio ao mellor proxecto de Economía Circular

 

O proxecto de produción de  mallas biodegradables para o cultivo de mexillón, promovido por Ecoplas Barbanza SL co apoio do GALP Ría de Arousa, conseguiu o galardón ao mellor proxecto de Economía Circular no transcurso da gala dos II Premios da Economía Azul, celebrada na Cidade da Cultura o pasado venres.

O proxecto consiste na fabricación dun sistema de protección para as cordas de mexillón con polímeros biodegradables e compostables que protexen o molusco da acción depredadora dos peixes. Estas medidas de protección xa se empregan con éxito noutros países pero esta iniciativa incorpora os polímeros biodegradables e compostables para facer que o sistema sexa totalmente compatible co sistema de produción do mexillón galego buscando a protección do medio ambiente. Co emprego destes novos elementos na fabricación das cordas tamén se potencia o selo de mexillón ecolóxico ao cumprir coa normativa do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia.

A categoría de Economía Circular convocouse por primeira vez nesta edición xunto ás de Apoio á pesca Costeira Artesanal, que recaeu no proxecto Do mar á mesa: Depuración e punto de venda, do GALP A Mariña-Ortegal; Creación de Emprego, na que a iniciativa gañadora foi Albergue Estela do Mar, do GALP Ría de Vigo-A Guarda; Diversificación, onde o proxecto elixido foi Obras de Restauración do Dique da Cabana e a súa contorna, do GALP Golfo Ártabro Norte, e Innovación Local, que recoñeceu un proxecto de produción de aceite a partir de microalgas do GALP Costa da Morte.

Preto de 7.000 votos da cidadanía axudaron a escoller estes cinco proxectos sustentables dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) gañadores da segunda edición dos Premios Economía Azul. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, felicitou tanto aos cinco proxectos gañadores como aos dez finalistas e ao resto de iniciativas presentadas nos últimos anos “por contribuír ao desenvolvemento da Galicia costeira pensando globalmente e actuando localmente”. Quintana agradeceu o labor dos grupos de acción local do sector pesqueiro, como “ferramentas de cohesión territorial que permiten mellorar a economía das súas comunidades e fixar a poboación nas contornas costeiras”, e subliñou a importancia de favorecer o crecemento azul e unha verdadeira economía circular.

Neste sentido, a representante da Xunta lembrou que nos últimos dez anos se aprobaron máis de 850 proxectos deste tipo froito do traballo duns grupos de traballo local dos que son socias máis de 360 entidades, entre elas 105 representativas do sector pesqueiro, que tecen unha rede na súa contorna en beneficio do seu territorio. Estes proxectos, incidiu, tiveron un impacto na economía galega desde 2016 que se traduce nunha contribución ao produto interior bruto de 94 millóns de euros e preto de 2.000 empregos a tempo completo.

Os premios Economía Azul teñen carácter bienal e están promovidos pola Consellería do Mar a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. Con eles preténdese motivar a potenciais promotores a que presenten proxectos ao abeiro do GALP, dar visibilidade ao traballo dos GALP nas zonas pesqueiras e recoñecer os mellores proxectos aprobados no marco das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) dos GALP que contribuíron ao desenvolvemento sustentable das zonas pesqueiras.

Os finalistas que optaban ao galardón foron seleccionados por unha comisión encargada de escoller tres proxectos por cada categoría entre as propostas presentadas polos GALP. Os criterios desta selección estiveron determinados polos beneficios que os proxectos son capaces de xerar para o sector pesqueiro; a súa contribución á creación de emprego nas zonas pesqueiras; o reforzo da identidade, a cultura e o patrimonio local da zona pesqueira; os elementos innovadores no contexto local; a creación de oportunidades para mulleres e mozas/os no sector pesqueiro ou marítimo; e a contribución a unha economía circular.

Ademais, para a elección dos  proxectos gañadores, houbo unha votación pública entre os días 1 e 20 de outubro na que participou a cidadanía a través da web https://galp.xunta.gal/. Os galardóns non teñen dotación económica, pero supoñen un recoñecemento público para os proxectos destacados en cada unha das categorías.