Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP Ría de Arousa e ABANCA asinan un novo convenio para impulsar a sostibilidade do sector

 

O Galp Ría de Arousa renovou hoxe o seu acordo con ABANCA coa sinatura dun convenio que tamén se fixo extensivo ao resto de Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) de Galicia. O novo acordo financeiro inclúe alternativas de crédito, servizos adaptados ás necesidades do sector e unha atención especializada. Un renovado marco que vai permitir ao Galp impulsar o desenvolvemento da pesca, o marisqueo e a acuicultura da franxa litoral de Galicia.

Ao acto acudiron o director de ABANCA Mar, Javier Fraga, e o coordinador de ABANCA Mar en Galicia, Miguel Ríos, así como outros representantes do banco nas distintas zonas que xestionan os GALP, nun acto telématico, cos sete representantes dos GALP de Galicia, nunha mostra da aposta que mantén a entidade financeira co sector primario galego.

Esta renovación conxunta de convenios pon o acento especialmente no financiamento dos proxectos presentados a estes grupos de acción local. As persoas que desenvolven a súa profesión no territorio da Arousa e presenten un proxecto ao Galp contarán con condicións melloradas na contratación de produtos de ABANCA tanto para poñer en marcha novos proxectos, como para  promover a mellora competitiva dos actuais. Ofrécense algunhas opcións como pólizas de crédito, préstamos persoais, anticipos de subvencións, leasing mobiliario, avais ou liñas de desconto e anticipos de financiamento sostibles.

Apoios para un sector máis sustentable

O texto tamén inclúe os seguros personalizados para este colectivo. Do mesmo xeito, desde as oficinas de ABANCA facilitarase a información relativa ás opcións de financiamento a través de convenios oficias que a entidade mantén con ICO, Igape e as SGR galegas.

O acordo asinado é un importante apoio de cara a lograr os obxectivos do Galp Ría de Arousa para colaborar na gobernanza da súa zona de actuación, participar activamente na construción da capacidade organizativa da zona pesqueira e servir de núcleo de converxencia e representación de entidades e axentes socioeconómicos con interese no desenvolvemento integral e equilibrado da área. Con esta actuación, ABANCA comprométese co sector pesqueiro, logo da creación en 2016 de ABANCA Mar, unha división específica con produtos financeiros centrados no negocio da pesca e a conserva e que conta coa experiencia dun equipo de profesionais altamente cualificados.