Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O programa Relevo 2 achegará as vantaxes das profesións do mar a máis de 3.000 estudantes de educación secundaria de Galicia

Presentacion Relevo 2 en Santiago de Compostela

 

O GALP Ría de Arousa, xunto cos GALP Galp Ría de Pontevedra, GALP Ría de Vigo - A Guarda, GALP Golfo Ártabro Sur, GALP Golfo Ártabro Norte e GALP A Mariña Ortegal, presentaron no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, a segunda edición do programa Relevo, que busca achegar o sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola ao alumnado de 4º de E.S.O., a fin de que coñeza as saídas profesionais e todo o que este sector lle ofrece na nosa comunidade.

O programa prevé visitar entre 30 e 90 institutos de educación secundaria (IES) xa xeografía galega, nos que estima informar a entre 3.000 e 5.000 estudantes. Nesta fase de lanzamento da nova tempada, os GALP xa contactaron con 260 centros educativos situados en 58 concellos das súas areas de influencia, é dicir, desde A Guarda ata Ribadeo. Nas próximas semanas iranse concretando tanto os centros participantes como as datas nas que se celebrarán as xornadas de formación e divulgación, que se desenvolverán durante todo o curso académico 2021-22 e que está previsto que comecen a principios de outubro.

Á presentación celebrada en Santiago asistiron, ademais de integrantes dos GALP impulsores, representantes de concellos interesados, de instituciones e empresas vencelladas ao sector do mar. Entre elas, atopábanse o presidente da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores, Basilio Otero; e a presidenta do GALP Ría de Arousa, María José Vales, que é o grupo de acción local do sector pesqueiro coordinador da iniciativa.

María José Vales recoñeceu que existe “un problema de relevo xeracional no mar” e considerou “necesario” este programa para visibilizar un “traballo tan digno como calquera”.

Pola súa banda, Basilio Otero recoñeceu que ese esforzo de visibilización debe incentivarse máis desde o propio sector. “Somos un sector demasiado pechado, non expuxemos á cidadanía as bondades deste oficio”. E agradeceu proxectos como este porque, segundo asegurou, “temos un problema de cambio xeracional en moito ámbitos do mar”.

Os principais obxectivos

Durante a presentación destacouse que, se ben a finalidade principal é trasladar á mocidade o que debe facer e estudar para entrar a formar parte do sector e constituír o verdadeiro relevo xeracional, tamén se sinalaron outros obxectivos complementarios. Entre eles, poñer en valor o sector pesqueiro entre a comunidade escolar en idade de traballar ou de escoller estudos superiores, valorizar o sector pesqueiro en termos económicos e ofrecer unha formación máis cuantitativa, que incida nas oportunidades laborais.

Contidos e actividades

O proxecto desenvolverase nos diferentes IES participantes especialmente para alumnado de 4º de E.S.O., pola súa proximidade á idade activa laboral. Divídese en tres bloques principais de contidos: pesca e acuicultura; transformación e comercialización e turismo e deportes naúticos.

Dentro de cada un destes bloques haberá unha serie de contidos que se abordarán de xeito ameno e dinámico nas aulas, ben a través de sesión de formación e divulgación ou ben mediante a visita de diferentes persoas profesionais do sector, que servirán de referentes e achegarán información sobre os postos laborais con maior empregabilidade neste momento.

Como colofón á participación no proxecto, e para complementar a formación e información recibida, o alumnado que así o desexe terá a posibilidade, sempre que o permitan as correspondentes autorizacións, de optar a unha praza de embarque nun buque de pesca real, coa finalidade de coñecer e vivir a experiencia en primeira persoa do traballo do mar en Galicia.

Equipo docente

O equipo de docentes está formado por profesionais do eido da oceanografía e con ampla experiencia na realización de actividades e iniciativas de formación e divulgación científica sobre o medio mariño e o sector pesqueiro, destinados a centros educativos.

Ademais, debido ás actuacións contempladas (sesións nos centros de ensino, visitas, etc.) contarase na súa execución con profesionais do sector, así como con entidades de relevancia dentro do ámbito pesqueiro e da formación, que achegarán a súa experiencia e profesionalidade en beneficio do alumnado participante.

Os centros interesados en participar poderán inscribirse a través do formulario dispoñible na web de Relevo 2, a través do enderezo electrónico info@relevo2.org ou contactando coas oficinas dos GALP impulsores.