Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Os 8 proxectos seleccionados polo programa Relevo2020 para impulsar o relevo xeracional no sector do mar

Relevo 2020 proxectos finais seleccionados

 

Un total de oito proxectos, promovidos por doce persoas, foron os seleccionados coa maior puntuación no marco do programa Relevo2020, que puxo en valor a importancia e a necesidade do relevo xeracional no eido pesqueiro e da formación e información a mozos e mozas para un mellor coñecemento do sector.

Todos os proxectos teñen, entre as súas persoas promotoras, a persoas novas que toman o relevo xeracional no sector do mar. Os proxectos seleccionados, ideados polas persoas que participaron na viaxe ao País Vasco, destacan por poñer en valor o carácter máis sustentable e artesanal da pesca galega, ao tempo que se integran en proxectos empresariais de gran demanda actual e que están relacionados con outros sectores, desde o turismo ao téxtil.

Neste artigo coñecemos de forma breve as ideas que obtiveron a maior puntuación entre o total de máis de vinte proxectos presentados aos diferentes GALP promotores de Relevo2020.

Respira a Mariña

É un proxecto presentado ao GALP A Mariña Ortegal e promovido por Almudena Rodríguez Fernández, propietaria dunha casa rural en Foz. Almudena conta con experiencia laboral no manteento en buques de pesca e barcos de pasaxe, neste último caso relacionados co sector turístico.

Con este proxecto buscar ofrecer información e planificación á persoa visitante, para poder aproveitar ao máximo a súa estancia e visitar diversos lugares no menor tempo posible, entre eles as incribles vistas da Ría do Masma ou a zona de protección de aves “Red Natura 2000”.

Galicia Live

Enrique M. Rodríguez Díaz e Beatriz Elena Castro Murillo, coa colaboración do GALP Golfo Ártabro Norte, queren impulsar esta tenda en liña de marisco fresco galego, para a que se aliaron cos mellores mariscadores da localidade, garantindo desta forma á clientela que a procedencia do produto sexa 100% galega.

Ademais da venda online, a súa previsión é complementar con accións de turismo marítimo, transportando á xente en embarcacións pesqueiras para que coñeza e viva a gran experiencia da pesca.

Marparaíso

Brais Pego Paz e Juan Manuel Pego Montemuíño, ambos veciños de Porto do Son, queren desenvolver, co apoio do GALP Costa Sostible, un proxecto empresarial que ofreza diversos servizos, entre eles, rutas de sendeirismo, visitas ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, lugares de interese como a pesca de artesanía sustentable ou mergullo para descubrir restos de barcos naufragados.

Para levalo a cabo contan cunha embarcación neumática de oito metros, insumerxible, con capacidade para doce persoas, máis tripulación. Ten un remolque que lles permite desprazarse ata o porto máis axeitado para cada experiencia.

Albergue Barbanza Mood

M’hand Bougdour, co apoio do GALP Ría de Arousa, procura a apertura dun albergue no Barbanza, destinado, sobre todo, a turistas estranxeiros. A súa idea xustifícase na auxe do ecoturismo, tanto en Galicia como a nivel mundial. Trataríase dun establecemento que contaría, ademais de habitacións para o descanso, con servizo de barra, reunións, esparexemento, lecer, préstamo de libros, etc.

O obxectivo é que, a través deste albergue, as persoas visitantes poidan coñecer a rexión e, ao mesmo tempo, participar dalgunha maneira na economía local (comprar souvenirs, consumir produtos locais e transmitir unha imaxe da zona nas redes sociais). Ademais, podería posicionarse como un refuxio para persoas investigadoras, estudantado e toda a comunidade estranxeira instalada en Santiago.

Pesca con anzol e comercialización

Raúl Pillado Vázquez é un mozo emprendedor que, coa axuda do GALP A Mariña Ortegal e outras entidades, quere poñer en valor a pesca con anzol, que supón unha explotación máis sostible dos recursos mariños.

A tempada estival aproveitaríase para programar saídas turísticas e dar a coñecer, ás persoas visitantes da Mariña, unha parte da súa riqueza paixaxística, a necesidade de conservar a contorna e introducilas no inicio da pesca con anzol ou de outras artes.

Isto complementaríase, coa finalidade de facer máis sólido o proxecto, cun sistema de venda das capturas, creando unha peixaría. Ademais dos recursos de difusión dixitais, para o desenvolvemento desta idea precisaría unha embarcación da 3ª lista de entre seis e sete metros de eslora, liñas artesanais e/ou palangres ou palangrillos, así como un vehículo con sistema de refrixeración para o transporte final á clientela.

Ecocabañas

Este proxecto ideado por Carlos Suárez Becerra e Teresa Blanco, e presentado ao GALP Golfo Ártabro Sur, consiste na fabricación de ecocabanas a partir de materiais reciclados ou que sexan o máis sostibles posibles, procedentes do mar (vigas de batea, antigas redes, etc.).

A fabricación realizarase respectando a estética e a contorna onde se sitúe a cabana. Deixarase que a construción se converta nunha peza máis da contorna, en harmonía coa paisaxe.

Diríxese a clientes tanto empresariais como particulares. Entre estes últimos, o perfil ideal son parellas de entre 35 e 45 anos cun poder adquisitivo medio-alto.

Sirenañil

A idea deste proxecto, que impulsa María Teresa Vilar Martínez e que procura o apoio do GALP Golfo Ártabro Norte, nace grazas á aprendizaxe e á formación na arte da fabricación e a reparación das redes e aparellos de pesca, concretamente na arte do cerco. Como seu nome indica consiste en cercalo peixe, principalmente a sardiña, o xurelo, a xarda, o bocarte e túnidos.

Sirenañil busca reutilizar as redes en desuso da arte da pesca do cerco creando bolsos, bolsas, maletas e obxectos persoais da vida cotiá, ademais da complementar o mobiliario de uso doméstico. Fomenta a economía circular e a artesanía e arte reciclado.

Marisqueiras Vilanova

Eugenia Oliveira Rodríguez e Mª José Caneda García son dúas mariscadoras da da Confraría de Pescadores A Pastoriza de Vilanova de Arousa e integrantes da Asociación Mulleres Salgadas. Queren dar un paso máis no seu traballo diario e converterse en compradoras na lonxa de marisco que elas mesmas extraen, para comercializalo a terceiros compradores como a hostalería en xeral, tanto de forma presencial como en liña (a través dunha tenda online).

Un dos seus principais obxectivos é poñer en valor o marisco que recollen na ría de Arousa. Outro obxectivo é obter un rendemento económico para complementar o seu traballo como mariscadoras.

Entidades promotoras

O proxecto de colaboración Relevo2020 foi unha iniciativa de carácter formativo promovida por cinco Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP): GALP A Mariña-Ortegal, GALP Golfo Ártabro Norte, GALP Golfo Ártabro Sur, GALP Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia: Costa Sostible e GALP Ría de Arousa.

Para máis información sobre o programa: http://arenariacoordinacion.com/relevo2020/