xoves, 4 de Decembro de 2025 - 01:12

Os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALPs) de Galicia promoven e poñen en marcha unha nova iniciativa denominada “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar”.
Trátase dun proxecto colectivo dos 8 GALPS galegos co apoio da Consellería do Mar e do FEMPA, destinado a garantir o relevo xeracional e fortalecer o vínculo entre a formación e o sector pesqueiro da nosa comunidade. O proxecto desenvolverase durante as anualidades 2025 – 2026, concretamente ata novembro de 2026.
O proxecto busca promover o coñecemento e consolidación da Formación Profesional Dual así como impulsar a FP Dual no sector marítimo-pesqueiro de Galicia, como estratexia para facilitar o relevo xeracional, mellorar a empregabilidade da mocidade e reforzar a sostibilidade do modelo produtivo galego.
Ao longo de 2025 e 2026 desenvolveranse accións en todo o litoral galego, como por exemplo as que seguen, dirixidas a centros educativos:
- Sesións informativas e visitas a centros educativos.
- Visitas a centros e instalacións marítimo-pesqueiras.
- Embarques e experiencias reais para o alumnado.
- Participación na feira educativa EDUGAL.
”Relevo Xeracional: O Futuro do Mar” aspira a converterse nunha ferramenta transformadora que conecte a mocidade coa realidade do sector, rompendo estereotipos e mostrando que o mar continúa sendo un ámbito profesional solvente, tecnificado, innovador e con forte impacto territorial.
O proxecto promove ademais a implicación activa dos armadores como axentes formadores na FP Dual, reforzando o vínculo entre o tecido produtivo e o sistema educativo, e contribuíndo a construír un modelo estable de relevo xeracional que dea continuidade á actividade pesqueira nas comunidades costeiras.
Conta coa colaboración do grupo Itsas Garapen Elkartea de País Vasco.
O Acto oficial de presentación do proxecto “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar” terá lugar o:
- Mércores, 10 de decembro de 2025.
- Ás 17:00 h.
- Sala Eisenman – Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.
*Pregamos confirmedes asistencia polo límite de prazas.
Durante o evento presentaranse os obxectivos e accións do proxecto, así como as oportunidades de participación para o sector, os centros educativos e a sociedade. Contaremos coa presenza de representantes institucionais, profesionais do mar e entidades colaboradoras. Haberá un petisco de produtos do mar de cada territorio GALP.
Para asistir ao acto inaugural é necesario confirmar participación antes do 5 de decembro, enviando nome, apelidos, DNI, teléfono e correo electrónico ao e-mail info@arenariacoordinacion.com, ou chamando ao 633 33 54 63 (María) ou 608 98 92 58 (David).



