
O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña Ortegal celebrará o vindeiro xoves 25 de xuño, ás 18:00 horas, no Salón de Actos do Concello de Xove, o Foro de Avaliación da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), un encontro aberto á participación de todas as persoas e entidades interesadas no desenvolvemento do territorio.
Este Foro supón o peche do proceso participativo impulsado polo GALP para realizar a avaliación intermedia da súa Estratexia, unha ferramenta fundamental para analizar os resultados acadados ata o momento, valorar o impacto das actuacións desenvolvidas e identificar os principais retos e oportunidades que afrontan as comunidades costeiras da Mariña e Ortegal.
Ao longo dos últimos meses, o GALP promoveu diferentes espazos de participación e diálogo nos que tomaron parte confrarías de pescadores, concellos, asociacións de redeiras, entidades do sector pesqueiro e outros axentes sociais e económicos do territorio. A través destes encontros recolléronse valoracións e propostas que permitiron realizar unha análise compartida sobre o funcionamento da Estratexia e sobre o papel que o GALP está a desempeñar como entidade dinamizadora do desenvolvemento local.
Durante a xornada presentaranse os principais resultados obtidos neste proceso de avaliación, así como os datos relativos á execución da Estratexia desde o inicio do actual período de programación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
Tras tres anos de aplicación do programa, o GALP A Mariña Ortegal conseguiu activar de maneira progresiva os mecanismos de execución da EDLP, acadando un volume de execución financeira do 37,06 % do total da Estratexia. Neste período concedéronse máis dun millón de euros en axudas destinadas ao sector pesqueiro, contribuíndo ao desenvolvemento de iniciativas orientadas á mellora da actividade económica, á innovación, á diversificación produtiva e á valorización dos recursos vinculados ao mar.
Os resultados evidencian unha evolución positiva na implementación da Estratexia e un incremento progresivo da capacidade de mobilización de proxectos e investimentos no territorio. Boa mostra diso foi a última convocatoria de axudas correspondente ao ano 2026, na que se aprobaron un total de 27 proxectos. O investimento subvencionable destas iniciativas alcanzou case os 4,5 millóns de euros, mentres que a axuda concedida superou os 2 millóns de euros.
Ademais de presentar estes resultados, o Foro permitirá compartir as conclusións extraídas do proceso participativo. Entre elas destaca a necesidade de continuar reforzando o apoio ás confrarías e ás entidades vinculadas ao sector pesqueiro, así como seguir impulsando proxectos relacionados coa economía azul, a creación de emprego, a innovación e a sustentabilidade das zonas costeiras.
O encontro pretende converterse nun espazo de reflexión e diálogo aberto, no que os distintos axentes do territorio poidan coñecer de primeira man os avances acadados, intercambiar experiencias e contribuír coa súa visión á definición das futuras prioridades da Estratexia.
Dende o GALP A Mariña Ortegal anímase a todas as persoas, entidades e organizacións interesadas a participar nesta xornada, que constitúe unha oportunidade para coñecer os resultados do traballo desenvolvido ata o momento e para seguir construíndo, de forma colectiva, un modelo de desenvolvemento sostible para a Mariña e Ortegal.
Foro de Avaliación da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo
Data: Xoves, 25 de xuño
Hora: 18:00 horas
Lugar: Salón de Actos do Concello de Xove
A participación é libre e aberta ao público.

