Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Continúa no GALP A Mariña-Ortegal o proxecto “Mulleres da Mariña: memoria colectiva e identidade”

O pasado venres tiveron lugar dúas actividades das programadas no abeiro do proxecto en Cariño e O Barqueiro

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal continúa coa programación de “Mulleres da Mariña: memoria colectiva e identidade”. A iniciativa convida ás mulleres da zona a xuntarse para o desenvolvemento de dinámicas grupais que afonden na súa memoria colectiva para desgranar xuntas a súa identidade persoal e profesional, nunha procura de referentes femininos da contorna que pór en valor e ás que render recoñecemento.

O pasado venres 20 de novembro organizáronse dúas máis das actividades de dinamización que compoñen a proposta. Desta volta, tiveron lugar na nave da Asociación de Redeiras de Cariño e no centro socio comunitario de Mañón, no que participaron mariscadoras do Barqueiro e redeiras da zona. Nas dúas sesións -unha á mañá e outra á tarde- conversouse sobre a traxectoria das traballadoras do mar, dos dereitos laborais acadados e dos retos de futuro das profesionais do sector pesqueiro da Mariña-Ortegal. As participantes puxeron en común os fitos que marcaron a súa traxectoria profesional, os seus comezos e as necesidades que como traballadoras teñen para mellorar o desenvolvemento da súa actividade.

A proposta de Mulleres da Mariña consta de 4 talleres -cunha duración aproximada de dúas horas cada un deles e cun máximo de 10-15 mulleres de capacidade- e unha xornada final onde se porán en común os resultados acadados e se renderá tributo a un grupo ou colectivo de mulleres.

Cumprindo cos protocolos sanitarios que sexan de aplicación e respectando a capacidade dos espazos que as autoridades competentes determinen en cada momento, o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro A Mariña-Ortegal desenvolverá actividades que axuden ás asistentes a construír un relato colectivo para facer visibles ás mulleres dentro do territorio e identificar agrupacións ou colectivos nos que se sintan representadas para lograr un maior recoñecemento público das mulleres nos oficios do mar.