Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O proxecto Relevo Xeracional: O Futuro do Mar estará presente en EDUGAL

Do 21 ao 23 de outubro, o proxecto RELEVO XERACIONAL: O FUTURO DO MAR estará presente en EDUGAL, a Feira Educativa de Pontevedra, cun stand propio destinado a achegar á comunidade educativa as oportunidades de formación e emprego que ofrece o sector marítimo-pesqueiro.

Baixo o lema “O mar tamén é futuro. Descubre o teu camiño”, esta participación busca dar a coñecer entre a mocidade as diferentes vías formativas e profesionais existentes para desenvolver unha carreira vinculada ao mar, contribuíndo ao mesmo tempo a promover o necesario relevo xeracional no sector pesqueiro.

Durante os tres días da feira, as persoas que se acheguen ao stand poderán obter información sobre Formación Profesional e FP Dual, así como sobre as diferentes formacións, titulacións e acreditacións profesionais necesarias para traballar no sector marítimo-pesqueiro, entre elas a formación básica, mariñeiro/a pescador/a, patróns, redeiras e outros cursos específicos.

Tamén se dará a coñecer a diversidade de saídas laborais e oportunidades profesionais que ofrece actualmente o sector, poñendo en valor a súa evolución cara a novas actividades nas que a tecnoloxía, a innovación, a sustentabilidade e a cualificación profesional teñen cada vez unha maior presenza.

A participación en EDUGAL está especialmente dirixida a estudantes que se atopan nun momento de decisión sobre o seu futuro académico e profesional, pero tamén a docentes, orientadores/as, persoas en busca de novas oportunidades laborais e, en xeral, a todas aquelas interesadas en coñecer as posibilidades de formación e emprego vinculadas ao mar.

O sector marítimo-pesqueiro precisa incorporar novas xeracións e profesionais cualificados que permitan garantir a continuidade dos oficios, actividades e coñecementos ligados ao mar, ao tempo que se favorece a incorporación de novos perfís capaces de responder aos retos e oportunidades de futuro.

RELEVO XERACIONAL: O FUTURO DO MAR estará presente en EDUGAL os días 21, 22 e 23 de outubro, en horario de 10:00 a 18:00 horas, en Pontevedra.

Desde o GALP A Mariña-Ortegal animamos á mocidade, á comunidade educativa e ás persoas interesadas no sector a achegarse ao stand, coñecer de primeira man as diferentes alternativas existentes e descubrir que o mar tamén pode ser unha oportunidade de futuro profesional.