Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Patrimonio marítimo da Costa da Morte | Oficios do mar

Martín Senande Vázquez, carpinteiro de ribeira (Cabana)

Residencia: Cabana
Ano de nacemento: 1960
Tempo na profesión: 47 anos, desde 1975
 
 

 “Volveranse facer barcos de madeira; en Europa xa son tendencia”

Martín Senande é un dos últimos carpinteiros de ribeira en activo na Costa da Morte.

Un oficio do mar imprescindible que continuou con paixón no estaleiro fundado polo seu avó hai case cen anos.

Lamenta que haxa vinte anos que non constrúe unha embarcación de madeira aínda que espera que este material sostible volva ser tendencia e pide conservar a tradición e os coñecementos da profesión.

Foi un dos convidados á mesa sectorial da Costa da Morte para elaboración do Plan da Cultura Marítima de Galicia. 

 

Cando empezou na profesión e como aprendeu o oficio?

Desde os 14 anos, cando volvía da escola viña para o estaleiro de meu pai (O Baladiño), que xa fundara meu avó en 1930, hai case cen anos! Ao final quedei aquí. Teño que dicir que tampouco era moi bo estudante (ri) e miña nai quedou contenta porque, dos sete irmáns, eu era o máis novo e fun o único que continuei o negocio familiar.

 

Canto tempo lle levou pasar de aprendiz a mestre?

Foi pouco tempo polas circunstancias da vida. Empecei a traballar no estaleiro no ano 1975 e en 1982, meu pai xubilouse. Con 22 anos xa me puxeron de xefe de taller. Meu pai continuou axudándome, sobre todo cando había que tratar un barco. Se viña un patrón de Fisterra miraba con desconfianza a un rapaz de vinte e poucos anos, aínda que antes foramos máis maduros a esta idade.

 

A carpintería de ribeira foi unha actividade moi puxante en Cabana xa que chegou a haber varios estaleiros, pero foi decaendo co paso do tempo e agora quedan dous e con pouca actividade?

Diría que por varios motivos. Os fillos de mariñeiros non queren ir ao mar e os cupos de pesca non son suficientes para manter un barco. O terceiro motivo é que, agora, os barcos fanse de poliéster ou de aceiro e xa non se conceden axudas para nova construción. Eu non estou moito de acordo con esto, sobre todo porque o poliéster é un derivado do petróleo e cres que se van reciclar en 50 ou 60 anos? Agora que se está falando tanto da economía circular, o uso deste material non o vexo moi sostible. Son a gran maioría porque barcos de madeira non se fai un! Antes, ías a un porto de mar e os peiraos eran un arcoirís, agora é todo branco. Ademais, o barco de madeira telo que mimar todos os días e o de fibra non, ten menos mantemento.

 

Pensou en aprender a traballar co poliéster?

Non! Eu non me paso ao poliéster, non dou o brazo a torcer. Creo que nunhas xeracións aquí volveranse facer barcos de madeira. No resto de Europa xa é unha tendencia. É máis, cando se facían máis barcos de madeira ata o monte estaba máis limpo e había menos incendios. O mundo é unha cadea, dá moitas voltas e sempre acabamos volvendo ao de antes.

 

Cales son as vantaxes da madeira fronte ao poliéster e o aceiro?

Dos tres materiais, a madeira é a que mellor comportamento ten no mar porque o movemento do barco é similiar ao do corpo humano. Coa fibra, o balanceo é moi rápido e a xente vén desfeita dos cadrís! No caso do aceiro, aínda que ten un comportamento similar á madeira, con mal tempo o barco queda “durmido” e afunde.

 

Cabana de Bergantiños sempre foi terra de carpinteiros de ribeira.

Aquí, ou eras labrador ou albanel e antes, canteiro. Moita xente da miña época marchaba traballar fóra de albanel porque lle pagaban máis e non había que aprender antes o oficio. Para carpinteiro de ribeira si; non podes ter fallos porque o barco vai a pique!

En Cabana, os estaleiros sempre estiveron no esteiro do Anllóns e que conste que non é a mellor situación porque para traer un barco ata o varadoiro hai que esperar pola marea chea, non pode ser cando se queira.

Onde agora está o colexio, construían barcos de vela de dous paus á intemperie e as “cabillas” de madeira. Tamén se fiaba a estoupa para “galafatear” os barcos. Traballábase todo á man e dentro o oficio había os aserradores que ían ao monte cortar a madeira coa que se facía a cuberta do barco. Primeiro coa serra alemana e despois coa serra portuguesa, que era máis lixeira. Antes había moitos estaleiros, agora quedamos dous en activo.

 

Era un traballo totalmente manual…

Con meu pai chegaron a traballar 22 homes, entre carpinteiros e aserradores, pero eu cheguei a facer máis barcos ca eles con só 8 homes porque incorporamos maquinaria.

 

Cantos barcos leva feitos?

Sobre unhas 40 embarcacións en vinte anos. Empecei con 22 anos, pero desde o accidente do Prestige en 2002, que marcou un impass, só fixemos un barco pequeno para Espasante (Ortigueira). Foi aquí e nos outros estaleiros. Agora estou eu só e fago reparacións e os mantementos anuais dos barcos de baixura no verán, sobre todo dos que construín eu. A min gústame moito a madeira e recicleime, como din agora. Restaurei os Batáns de Mosquetín por encargo de Deputación da Coruña e tamén muíños de trigo.

 

Ten en proxecto crear un pequeno museo no seu estaleiro?

Quero facer un barco de madeira a tamaño real para ensinarlle aos rapaces máis novos como se traballaba na carpintería de ribeira e, deste xeito, manter vivo o meu oficio cando me xubile dentro de tres anos porque non vai haber ninguén que o herde. Teño falado desta idea en numerosas ocasións co GALP Costa da Morte aínda que os trámites administrativos son moi complexos e levan tempo.

 

Como se poderían aproveitar os seus coñecementos e experiencia para os novos tempos e necesidades do sector do mar-pesca?

Aquí en Galicia seguimos vivindo de costas ao mar. Para min, os concellos son os primeiros que teñen que actuar e crear, por exemplo, escolas taller para manter os oficios tradicionais do seu territorio.

 

Que accións concretas considera que se deben realizar para conservar e poñer en valor o patrimonio e a cultura marítima da Costa da Morte?

Máis que facer cousas novas, hai que conservar o pouco que temos para mantelo.

 

Última pregunta, que é para vostede o mar?

Vida, cultura, esperanza, pero sobre todo vida porque é o sustento para moita xente.

 

BARCOS DE PESCA ARTESANAL EN ACTIVO CONSTRUÍDOS POR ESTALEIROS BALADIÑO E REPARACIÓN DO BARCO DE LAXE
Varios dos barcos de baixura (pesca artesanal, 3ª lista) construídos por Martín Senande en Estaleiros Baladiño, pódense ver en activo nos portos de Laxe, Malpica, Fisterra, Lira, Espasante ou Cedeira. A súa firma é un escudo coa proa dun barco, fixádevos!
Ademais, o carpinteiro de ribeira Martín Senande encargarse da restauración do barco de baixura, o José Alberto que en 2005, o Concello de Laxe, instalaou na entrada da vila  a modo de reclamo turístico e como homenaxe ao sector pesqueiro. É, ademais, un proxecto financiado polo GALP Costa da Morte.
 
 
Porto de Laxe
Ría de Laxe
Porto de Malpica
Río Paraná
Porto de Fisterra
Viento y Calma
 
Mariñeiro
 
Santa Rita
 
Poseidón
 
Monte Naranco
Porto de Lira (Carnota)
Marinieves
 
Cabo de Fornos
Porto de Espasante
Hermosiña
 
Pedras de Area
Porto de Cedeira
Nuevo Noi
 
Juana