Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Os I Premios da Economía Azul recoñecen os catro mellores proxectos de desenvolvemento sustentable nas nosas zonas costeiras

Hoxe entregáronse en Santiago os primeiros Premios Economía Azul, un recoñecemento aos mellores proxectos sustentables das zonas pesqueiras de Galicia postos en marcha no marco da convocatoria de 2016 das axudas para iniciativas dos grupos de acción local do sector pesqueiro. Foi no transcurso dunha gala celebrada na Sala Eisenman da Cidade da Cultura, que contou coa presenza da conselleira do Mar, Rosa Quintana; a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo; a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Mª Vázquez Abeal, e a representante da Rede Europea das Zonas de Pesca (FARNET), Lorena Van de Kolk. Tamén asistiron representantes e membros dos Grupos de Acción Local Pesqueira de Galicia. O acto, conducido polas poetas Aldaolado, contou cun peche musical no que o grupo Primordiais interpretou un repertorio de pezas tradicionais recollidas nas poboacións costeiras galegas e vinculadas cos traballos e a vida a carón do mar.

Os proxectos que resultaron gañadores nesta primeira edición dos Premios da Economía Azul foron:

Mellor proxecto de Apoio á pesca costeira artesanal

Proxecto de cooperación entre os GALP de Arousa, Pontevedra e Vigo para a ‘Mellora da Gobernanza da Xestión Pesqueira Artesanal no ámbito do Parque Nacional Illas Atlánticas’. Promovido por cinco confrarías de pescadores (Aguiño, O Grove, Portonovo, Bueu e Cangas) de diferentes GALPs (Arousa, Pontevedra e Vigo) e encamiñado a mellorar a gobernanza a través de procesos participativos e de colaboración entreo o propio sector e o Organismo Autónomo do Parque Nacional. O obxectivo principal é destacar o papel dos pescadores artesanais como custodios do medio mariño e manter os empregos. Ademais, permititá a conservación do medio no que se desenvolven as pesquerías tradicionais nas augas do PN, así como o mantemento do acervo cultural tradicional pesqueiro e marisqueiro no ámbito das tres rías, favorecendo o relevo xeracional e a mellora da calidade de vida das familias pescadoras e do entorno no que se enmarca o proxecto.

Mellor proxecto de creación de emprego:

Proxecto ‘EMPENDEMAR’ (GALP Ría de Arousa). Desenvolvido polo Concello e a Confraría de Cambados co obxectivo de promover a diversificación da economía pesqueira apoiando a profesionalización e desenvolvemento de iniciativas de autoemprego neste eido, dirixíndose sobre todo á poboación xuvenil e ao colectivo feminino, ofrecéndolles formación, mentorización e un viveiro de empresas onde comezar a súa actividade.

Mellor proxecto de diversificación

Lonxanatur’ (GALP Ría de Arousa). Promovido desde a Confraría do Grove, persegue a diversificación cara o turismo e a posta en valor dos produtos esqueiros aproveitando a gran cantidade de turistas na localidade para ofertarlles un ‘Lonxa visitable’. Para isto, acondicionan a lonxa existente de forma que a parte superior sirva de escaparate para que as persoas visitantes podan coñecer o traballo na lonxa sen dificultar o proceso de comercialización. Tamén pretenden realizar ciclos divulgativos: ‘Os produtos do Mar’. ‘Os oficios do mar e o papel da Muller’ e ‘Diversifica Mar’. Estas actividades van a contribuír a dar a coñecer as artes de pesca, a cultura mariñeira e os recursos da ría mediante ciclos formativos. Ademais, porase en valor o papel da muller no mundo do mar, e promoverase a concienciación medioambiental.

Mellor Proxecto de Innovación local

Xestión das algas recollidas nas accións de limpeza e mantemento dos bancos marisqueiros, (GALP Ría de Vigo-A Guarda). A Confraría e o Concello de Vilaboa poñen en marcha este proxecto que consiste en limpar de algas os bancos marisqueiros do litoral de Vilaboa, facilitando o traballo das mariscadoras e minimizando un posible promblema de saúde e contaminación ambiental producida por non tratar os acopios de algas. O Concello poderá utilizar o compost final obtido como emenda orgánica do solo en parques e xardíns. Tamén os veciños e veciñas terán acceso a ese material para usalo nas hortas.

Os Premios da Economía Azul están promovidos pola Consellería do Mar, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e teñen como obxectivo visibilizar o traballo dos GALPs nas zonas pesqueiras para motivar a potenciais persoas promotoras a que presenten proxectos ao abeiro das EDLP dos GALP.

Os finalistas que optaban ao galardón foron seleccionados pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que escolleu 3 proxectos por cada categoría entre as propostas presentadas polos GALP. Os criterios desta selección estiveron determinados polos beneficios que os proxectos son capaces de xerar para o sector pesqueiro; a súa contribución á creación de emprego nas zonas pesqueiras; o reforzo da identidade, a cultura e o patrimonio local da zona pesqueira; os elementos innovadores no contexto local; e a creación de oportunidades para mulleres e mozas/os no sector pesqueiro ou marítimo.