xoves, 30 de Agosto de 2018 - 01:08

Os días 5, 6 e 7 de novembro vaise celebrar en Santiago de Compostela a I Conferencia Internacional de Mulleres da Pesca, que organiza a Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (España), e que conta coa colaboración coa Xunta de Galicia e a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura ( FAO).
As mulleres, a nivel internacional, teñen un papel destacado nos territorios onde se desenvolve a actividade pesqueira e acuícola. Están presentes en todos os segmentos produtivos, desde a actividade extractiva á industria, pasando pola acuicultura, a xestión administrativa, a diversificación ou os procesos de I+D+i. Contribúen de maneira esencial á xeración de riqueza e emprego, á preservación dos ecosistemas mariños e de auga doce, e ao mantemento da poboación nas zonas rurais e costeiras; sendo incluso a súa presenza maioritaria en actividades como a transformación e comercialización de produtos pesqueiros. A pesar diso, o seu traballo foi historicamente pouco recoñecido e enfróntanse a problemáticas comúns en materia de formación profesional, riscos laborais, ou falta de acceso aos recursos e ás actividades tradicionalmente levadas a cabo polos homes.
Neste sentido, resulta fundamental que os diferentes países colaboremos na procura de respostas a estes retos a través dunha estratexia global en materia de igualdade que permitirá mellorar a situación das mulleres na actividade pesqueira, na que participen todos os axentes implicados: administracións públicas, organismos internacionais, entidades sectoriais e asociacións de mulleres traballadoras do mar.
Segundo o Banco Mundial, o 47% dos 120 millóns de persoas que en todo o mundo traballan na pesca extractiva e posteriores áreas de actividade como o procesamento ou a venda son mulleres, mentres que na acuicultura esta cifra alcanza o 70%. Isto representa uns 56 millóns de postos de traballo femininos ao longo de toda a cadea de valor, aínda que moi poucas ocupan posicións de liderado. Por tanto, debemos traballar conxuntamente para vencer as barreiras de xénero que tradicionalmente impediron dignificar e poñer en valor o traballo deste capital humano a nivel mundial, para así garantir o futuro dun sector marítimo-pesqueiro que busca crecer e ser sustentable desde o punto de vista social, económico e ambiental.
Estes son os alicerces da estratexia de crecemento azul, na que as mulleres teñen un protagonismo especial, en tanto que desenvolven actividades que favorecen a conservación dos recursos, a biodiversidade, a innovación, a competitividade, o desenvolvemento de cadeas de valor eficientes e, en definitiva, a mellora dos medios de vida nas comunidades pesqueiras.
España quere contribuír a esta estratexia global con esta conferencia internacional, impulsando o diálogo e posta en común de coñecementos e reflexións ao redor da situación da muller no ámbito pesqueiro. Por iso, este encontro contará con talleres temáticos e espazos expositivos orientados ao intercambio de experiencias, proxectos e boas prácticas.
A organización agarda que na cita deste outono na cidade de Santiago de Compostela se alcancen compromisos e propostas enriquecedoras en favor das mulleres pesqueiras e do conxunto do sector.
Máis información en Inscricións e máis información en:

