Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A Ría de Arousa é territorio de referencia en crecemento azul segundo a Comisión Europea

 

Esta é a conclusión da xornada organizada hoxe polo GALP Ría de Arousa arredor da economía azul e as oportunidades e retos que plantexa nos territorios costeiros. Yolanda Molares, directora de ICSEM (Instituto para o Crecemento Sostible da Empresa) e encargada do desenvolvemento da Estratexia Blue Growth do Porto de Vigo, apuntou que “segundo as directrices establecidas pola Comisión Europea a partir da Conferencia de Río de 2012 sobre desenvolvemento sostible, a Ría de Arousa é azul, é dicir, está dentro das premisas que determina o crecemento azul”.

A xerente do Galp, Rosa Carballo, engadiu que “a través dos proxectos financiados desde o Grupo Local de Acción Pesqueira Ría de Arousa, estanse poñendo en marcha empresas e proxectos integrados dentro da estratexia do crecemento azul, e estamos conseguindo darlle oportunidades e saídas laborais a moita xente nova que quere vivir do mar e traballar polas súas vilas, co cal estamos contribuíndo a xerar riqueza e fixar poboación nos territorios costeiros”.

As boas prácticas da Arousa en materia de crecemento azul quedaron demostradas na pasada edición dos Premios da Economía Azul, convocados pola Consellería do Mar en 2017, tal como apuntou a Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, que lembrou que o GALP Ría de Arousa conseguiu 3 dos 4 premios que se convocaban cos proxectos de Lonxanatur, Emprendemar e Mellora da Gobernanza no PN Illas Atlánticas (compartido cos GALPs de Pontevedra e Ría de Vigo).

Paloma Rueda, directora do CETMAR, indicou que España é o segundo país que máis valor achega á economía á economía azul en Europa, entre 20.000 e 40.000 empregos, con entre 400.000 e 600.000 a tempo completo. Rueda tamén destacou a estreita relación e interdependencia entre a economía azul e a economía circular e o crecemento sustentable social, económico e medioambiental. A nivel global, según datos da OCDE deste mesmo ano, o 37% da poboación mundial vive na costa. A pesca e acuicultura supoñen o sustento de máis do 10% da poboación; a economía azul supón o 2,5% do valor da economía mundial, esperando que se dobre en 2030.

Unha ollada cara o mar: Un proxecto pioneiro a nivel mundial que se presentará en Fitur

Durante a xornada presentouse un dos proxectos recentemente aprobado polo GALP Ría de Arousa, e promovido desde o Concello da Illa de Arousa para converter o Centro de Interpretación da Conserva no ‘epicentro da interpretación’ da realidade histórica da Illa de Arousa, a través da tecnoloxía da realidade aumentada con experiencias interactivas que favorecen a motivación na aprendizaxe. Trátase dun proecto pioneiro en Galicia e que tamén é referente a nivel internacional. Será presentado oficialmente en xaneiro na semana previa a Fitur, onde tamén estará presente.