Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Gran participación na Xornada de Emprendemento no ámbito do Turismo Mariñeiro Mar das Illas

 

O pasado venres 4 de maio, dentro do Proxecto Mar das Illas, tivo lugar na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo unha Xornada sobre Emprendemento no ámbito do Turismo Mariñeiro. Mar das Illas é un proxecto de cooperación entre os tres Grupos de acción Local do Sector pesqueiro da provincia de Pontevedra, GALPS. A xornada, que tivo un grande éxito de participación con perto dun centenar de asistentes, responde á necesidade de informar e amosar ao sector pesqueiro o Proxecto Mar das Illas e os diferentes aspectos vinculados ao desenvolvemento das actividades de turismo mariñeiro: administrativo, fiscal, laboral e turístico; que motiven o emprendemento e a diversificación do sector para un turismo mariñeiro sostible e de calidade, especialmente no ámbito de Galicia.

Presentou a xornada a conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada polo director do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia, José Antonio Fernández Bouzas, e as persoas que presiden os GALP de Pontevedra, José Antonio Gómez Castro; Ría de Vigo-A Guarda, Juan Manuel Gregorio Vaqueiro; e Ría de Arousa, María José Vales Martínez.