Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O Galp Ría de Arousa trunfa nos Premios da Economía Azul gañando 3 das 4 categorías

 

O GALP Ría de Arousa foi o gran trunfador da gala da primeira edición dos PREMIOS ECONOMÍA AZUL celebrada o pasado venres 27 de outubro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, logrando que se proclamasen gañadores tres dos seus proxectos, subvencionados ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo dos grupos de acción local do sector pesqueiro:

Mellor proxecto de Apoio á pesca costeira artesanal

Proxecto de cooperación entre os GALP de Arousa, Pontevedra e Vigo para a ‘Mellora da Gobernanza da Xestión Pesqueira Artesanal no ámbito do Parque Nacional Illas Atlánticas’. Promovido por cinco confrarías de pescadores (Aguiño, O Grove, Portonovo, Bueu e Cangas) de diferentes GALPs (Arousa, Pontevedra e Vigo) e encamiñado a mellorar a gobernanza a través de procesos participativos e de colaboración entreo o propio sector e o Organismo Autónomo do Parque Nacional. O obxectivo principal é destacar o papel dos pescadores artesanais como custodios do medio mariño e manter os empregos. Ademais, permititá a conservación do medio no que se desenvolven as pesquerías tradicionais nas augas do PN, así como o mantemento do acervo cultural tradicional pesqueiro e marisqueiro no ámbito das tres rías, favorecendo o relevo xeracional e a mellora da calidade de vida das familias pescadoras e do entorno no que se enmarca o proxecto.

Mellor proxecto de creación de emprego:

Proxecto ‘EMPENDEMAR’ (GALP Ría de Arousa). Desenvolvido polo Concello e a Confraría de Cambados co obxectivo de promover a diversificación da economía pesqueira apoiando a profesionalización e desenvolvemento de iniciativas de autoemprego neste eido, dirixíndose sobre todo á poboación xuvenil e ao colectivo feminino, ofrecéndolles formación, mentorización e un viveiro de empresas onde comezar a súa actividade.

Mellor proxecto de diversificación

‘Lonxanatur’ (GALP Ría de Arousa). Promovido desde a Confraría do Grove, persegue a diversificación cara o turismo e a posta en valor dos produtos esqueiros aproveitando a gran cantidade de turistas na localidade para ofertarlles un ‘Lonxa visitable’. Para isto, acondicionan a lonxa existente de forma que a parte superior sirva de escaparate para que as persoas visitantes podan coñecer o traballo na lonxa sen dificultar o proceso de comercialización. Tamén pretenden realizar ciclos divulgativos: ‘Os produtos do Mar’. ‘Os oficios do mar e o papel da Muller’ e ‘Diversifica Mar’. Estas actividades van a contribuír a dar a coñecer as artes de pesca, a cultura mariñeira e os recursos da ría mediante ciclos formativos. Ademais, porase en valor o papel da muller no mundo do mar, e promoverase a concienciación medioambiental.

O cuarto proxecto premiado foi orientado desde o GALP Ría de Vigo-A Guarda e aborda a xestión das algas recollidas nas accións de limpeza e mantemento dos bancos marisqueiros de Vilaboa para empregalas como compost en parques e xardíns do concello e tamén para as hortas de veciños e veciñas.

Os Premios da Economía Azul están promovidos pola Consellería do Mar, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e teñen como obxectivo visibilizar o traballo dos GALPs nas zonas pesqueiras para motivar a potenciais persoas promotoras a que presenten proxectos ao abeiro das EDLP dos GALP. Os finalistas que optaban ao galardón foron seleccionados por unha comisión da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro que escolleu 3 proxectos por cada categoría entre as propostas presentadas polos GALP. Os criterios desta selección estiveron determinados polos beneficios que os proxectos son capaces de xerar para o sector pesqueiro; a súa contribución á creación de emprego nas zonas pesqueiras; o reforzo da identidade, a cultura e o patrimonio local da zona pesqueira; os elementos innovadores no contexto local; e a creación de oportunidades para mulleres e mozas/os no sector pesqueiro ou marítimo.