Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Recta final do proxecto “Mulleres da Mariña: memoria colectiva e identidade” .

Onte tivo lugar a cuarta e última das sesións presenciais de traballo na Confraría de Cedeira, á que acudiron 13 mulleres mariscadoras e redeiras.

No Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal celebramos onte a cuarta e última das sesións presenciais de traballo co sector do proxecto “Mulleres da Mariña: memoria colectiva e identidade”. Tras as sesións en Cariño, Burela e O Barqueiro das pasadas semanas, onte celebrouse a cuarta das planificadas no abeiro da proposta, desta volta na Confraría de Cedeira.

Acudiron á xuntanza 13 das mulleres que desenvolven a súa actividade profesional no territorio do GALP A Mariña-Ortegal. Redeiras e mariscadoras todas elas, fixeron conxuntamente unha reflexión colectiva da evolución do seu traballo na zona  ao longo dos anos. Falaron tamén da problemática do relevo xeracional e da tipoloxía de produtos que traballan, e tamén houbo oco para lembrar e pór en valor o traballo do tecido asociativo da contorna e os esforzos levados a cabo por moitas mulleres para mellorar as condicións de desenvolvemento da súa actividade profesional.                                                     

Cumprindo novamente cos protocolos sanitarios de aplicación e respectando a capacidade dos espazos que as autoridades competentes determinan, o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro A Mariña-Ortegal rematou con esta sesión as catro actividades programadas para a construción dun relato colectivo para facer visibles ás mulleres dentro do territorio e para a identificación de agrupacións ou colectivos nos que se sintan representadas para lograr un maior recoñecemento público das mulleres nos oficios do mar.

Para pór o broche final deste proxecto, o Grupo ten programada a realización dunha sesión final artellada como acto de recoñecemento á traxectoria dalgunhas das mulleres ou colectivos mentados no desenvolvemento de todos estes obradoiros cara a mediados do mes de decembro. Nesta sesión exporase tamén un mural colectivo con toda a información recabada ao longo das sesións de traballo.