
O proxecto, a través do que os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) promoven o consumo de produto pesqueiro como hábito de vida saudable, levou a vilas de toda a costa galega diferentes actividades como xornadas técnicas con especialistas médicos, visitas a centros de saúde e demostracións de cociña ao vivo. Tamén se celebraron sorteos entre as persoas consumidoras para degustar produtos do mar e repartíronse vales de desconto para empregar nos establecementos de venda adheridos.
Pesca Saúde vén de completar un intenso cuadrimestre de actividades que percorreu a costa galega de norte a sur para achegar á cidadanía os beneficios do consumo de peixe, marisco e outras especies do mar. Entre abril e xullo, a iniciativa combinou xornadas técnicas cun enfoque médico-científico e visitas informativas a centros de saúde, onde tamén se están a emitir os vídeos promocionais da campaña. Xa no mes de xullo, sete demostracións de cociña en vivo (showcooking) reuniron a máis de trescentas persoas, poñendo o broche a esta primeira fase da campaña, centrada na difusión dos beneficios nutricionais de peixe, marisco e outras especies mariñas, así como na importancia do consumo de produto de proximidade a través de 117 establecementos adheridos en toda Galicia.
Despois dun último evento neste verán, a visita da foodtruck Pesca Saúde o 29 e 30 de agosto no Pantín Classic (Valdoviño), as actividades de Pesca Saúde reanudaranse no outono, cando se celebrarán os obradoiros prácticos de Batchcooking impartidos por profesionais da cociña. O batchcooking é unha técnica pensada para aproveitar o tempo de cociñado e reducir o desperdicio alimentario. Nestes obradoiros, ensinarase ás persoas a planificar os seus menús semanais incorporando produto pesqueiro nas súas elaboracións de xeito sinxelo. As persoas interesadas en participar deben permanecer atentas ás redes sociais dos GALP, onde se anunciarán as diferentes convocatorias, para as que será precisa a inscrición previa.
Sorteos e demostracións de cociña ao vivo nas prazas de abastos
A fase máis recente do proxecto centrouse en sete demostracións de cociña en vivo celebradas en prazas de abastos, mercados e locais de asociacións de sete vilas galegas ao longo de xullo, nas que participaron máis de 300 persoas, da man de cociñeiros e cociñeiras de prestixio: A Artesa da Moza Crecha, O Cangrexal, Miguel Silvarredonda, A Casa do Tello e Rosalía, Miguel Mosteiro, Nieves Martín da Escola de cociña «Cousiñas» e Ana Martínez Arruñada, da Escola de Hostalería IES de Foz.
No contexto destes obradoiros celebráronse os sorteos de degustacións de produto pesqueiro en establecementos de hostelería. Rexistráronse 1.348 sobres participantes que tiveron que reunir os seus tiquets de compra nos comercios adheridos. As persoas gañadoras poderán degustar un menú nalgún dos establecementos que participarán na seguinte fase do proxecto: Come o mar, come saúde, centrada na restauración. Nesta acción, coa colaboración dun equipo de nutricionistas, elaboraranse menús personalizados e adaptados a cada establecemento participante en función dos produtos locais e de tempada, poñendo o foco nas súas propiedades nutricionais.
Durante todos os eventos de Pesca Saúde repartíronse ademais vales de desconto de 5 euros, aplicables directamente na compra nas 117 peixerías adheridas repartidas por toda a costa galega —cuxo prazo de validez se ampliou ata o 31 de xullo— así como receitarios e guías de propiedades nutricionais. Todos os materiais da campaña pódense descargar tamén na web do proxecto, pescasaude.gal.
Un proxecto con base científica
Pesca Saúde nace como resposta ao descenso progresivo do consumo de peixe fresco e ao avance dos ultraprocesados na dieta habitual, unha tendencia asociada ao aumento de enfermidades cardiovasculares, metabólicas e inflamatorias. O proxecto defende que promover o consumo regular de peixe galego non é só unha cuestión dietética, senón unha estratexia de saúde pública apoiada na evidencia científica, dado o seu papel na saúde cardiovascular, cerebral, ósea, muscular, inmunitaria e metabólica.
A iniciativa está financiada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) a través da Consellería do Mar, e nela participan sete GALP que cobren boa parte do litoral galego: Ría de Vigo-A Guarda, Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Costa Sostible, Costa da Morte, Golfo Ártabro Sur e A Mariña-Ortegal. Conta ademais coa colaboración da Consellería de Sanidade, que une as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) dos GALP coa Estratexia Galega de Saúde Comunitaria 2023-2027.
Máis información en pescasaude.gal.

