Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP A Mariña-Ortegal arranca co proxecto “MULLERES DA MARIÑA: memoria colectiva e identidade”

Arranca no GALP A Mariña-Ortegal o proxecto "Mulleres da Mariña: memoria colectiva e identidade"que aposta pola dinamización e recoñecemento das mulleres do sector do mar neste territorio.

Ao longo das vindeiras semanas terán lugar tres xuntanzas que proporán ás mulleres do mar asistentes unha reflexión colectiva en busca de referentes femininos no sector pesqueiro

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal vén de por en marcha o proxecto “Mulleres da Mariña: memoria colectiva e identidade” coa celebración da primeira das sesións que compoñen a proposta.

A iniciativa convida ás mulleres da zona a xuntarse para o desenvolvemento de dinámicas grupais que afonden na súa memoria colectiva para desgranar xuntas a súa identidade persoal e profesional, nunha procura de referentes femininos da contorna que pór en valor e ás que render recoñecemento. A proposta consta de 3 talleres -cunha duración aproximada de dúas horas cada un deles e cun máximo de 10-15 mulleres de capacidade- e unha xornada final onde se porán en común os resultados acadados e se renderá tributo ao grupo ou colectivo de mulleres decido ao longo dos obradoiros.

Cumprindo todos os protocolos sanitarios e a capacidade dos espazos que as autoridades competentes determinen en cada momento, o GALP desenvolverá actividades que axuden ás asistentes a construír un relato colectivo para facer visibles ás mulleres dentro do territorio e identificar agrupacións ou colectivos nos que se sintan representadas para lograr, xa nas últimas sesións, facer unha candidatura de grupo para render homenaxe.

A primeira das sesións tivo lugar o pasado martes e a ela asistiron mulleres pertencentes á Asociación de Redeiras Cabo Burela, entidade de referencia do territorio de actuación do GALP e piar fundamental do sector pesqueiro da zona.