
23 concellos da Coruña e de Lugo únense para impulsar o turismo mariñeiro na costa norte de Galicia
Os GALP A Mariña-Ortegal e Golfo Ártabro Norte poñen en marcha un proxecto cooperativo para promoción de experiencias turísticas ao longo de 384 kilómetros de costa.
Entre os obxectivos destaca a innovación con novos produtos e servizos que permitan o relevo xeracional na pesca e a fixación de poboación moza.
Os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (coñecidos polas siglas GALP) A Mariña-Ortegal e Golfo Ártabro Norte acaban de unir as súas forzas para impulsar o proxecto de cooperación interterritorial de turismo mariñeiro “Galicia Norte. Mares de Experiencias” que pretende dinamizar a economía da costa norte de Galicia.
A presentación da iniciativa que tivo lugar hoxe día 6 de xullo de 2017, na Casa da Cultura de Valdoviño correu a cargo de María José Crespo Fraga, presidenta do GALP Golfo Ártabro Norte e patroa Maior da Confraría de Miño; Alfredo Llano García, vicepresidente do GALP A Mariña-Ortegal e alcalde de Burela; Paloma Vázquez Fernández, xefa de área provincial de Turismo de Galicia en Lugo; e o alcalde de Valdoviño, Alberto González Fernández, que exerceu de anfitrión.