
Os Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) de Galicia poñen en marcha «Feito co Mar», un proxecto de cooperación que busca impulsar novas oportunidades de emprendemento e innovación arredor da transformación e valorización dos produtos pesqueiros.
A iniciativa nace coa vontade de converter ideas en proxectos, facilitando formación, acompañamento e espazos nos que experimentar e avanzar no desenvolvemento de novas propostas vinculadas aos recursos do mar.
Viveiros Formativos de Emprendemento
Un dos eixos principais de Feito co Mar será a posta en marcha dos Viveiros Formativos de Emprendemento, pensados para acompañar tanto a persoas que están dando os seus primeiros pasos como a aquelas que queren avanzar na profesionalización dos seus proxectos.
En 2027 desenvolveranse dous programas:
Iniciación, dirixido a persoas que queiran explorar unha idea, coñecer as posibilidades que ofrece a transformación dos produtos pesqueiros e comezar a definir o seu proxecto.
Profesionalización, orientado a iniciativas que precisen avanzar no seu desenvolvemento, mellorar a súa proposta e adquirir novas ferramentas para a súa posta en marcha ou consolidación.
A formación práctica, a experimentación e o acompañamento serán elementos fundamentais de ambos os programas.
Máis de 20 encontros pola costa galega
O primeiro paso será achegar Feito co Mar ao territorio.
A partir do mes de outubro celebraranse máis de 20 encontros informativos en concellos de toda a costa de Galicia, nos que se dará a coñecer a programación dos Viveiros Formativos e as posibilidades de participación.
Estes encontros servirán tamén para coñecer ideas, detectar iniciativas e captar proxectos que poidan atopar nos Viveiros o apoio necesario para seguir medrando.
Con Feito co Mar, os GALP de Galicia reforzan a súa aposta polo emprendemento, a innovación e a diversificación económica dos territorios costeiros, promovendo novas formas de aproveitar o potencial dos produtos do mar e contribuíndo á xeración de actividade e oportunidades no territorio.
Queres saber máis sobre Feito co Mar?
Toda a información sobre o proxecto e os próximos encontros está dispoñible en:
Web: i.gal/feitocomar
Correo electrónico: info@feitocomar.gal
Teléfono: 627 570 950

