
Pilar Vázquez, Secretaria da Confraría de Pescadores de O Barqueiro-Bares
“A Confraría traballa a un 25% da súa actividade habitual pola paralización do marisqueo a pé”
Como afrontades dende a Confraría a situación provocada pola Covid-19?
A Confraría está case paralizada. Temos algunhas embarcacións que van ao mar e tamén os percebeiros, pero o marisqueo a pé non volveu ao mar desde o 15 de marzo. Estamos funcionando ao 25% da actividade habitual.
E a actividade da vosa Confraría procede, na súa maior parte do marisqueo, verdade?
A Confraría é practicamente de marisqueo a pé. Agora hai algúns armadores de baixa por enfermidade e o resto de embarcacións non venden no Barqueiro, senón en Burela, Celeiro ou Cedeira, que son as lonxas máis importantes da zona da Mariña e Ortegal.
Estades pendentes das axudas que aprobou a Unión Europea?
Si, estamos esperando tras a modificación do Regulamento. Agora quedamos pendentes das liñas que marque o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Precisamos unha maior claridade neste sentido.
Por que é tan importante o labor da xente do mar, non só nestes momentos, senón en xeral?
É moi importante porque se se paraliza o sector primario, no que estamos incluídos, paralízanse outras moitas actividades e, sobre todo, a subministración de produtos frescos e de primeira necesidade, como é o peixe, por exemplo. O marisqueo non é un alimento esencial, pero sí supón unha actividade cunha contribución relevante para economías locais como a do Barqueiro.