Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

ABANCA e o GALP A Mariña-Ortegal impulsan o desenvolvemento socioeconómico da poboación pesqueira

Ámbalas dúas entidades reforzan o traballo conxunto grazas á división especializada que mantén o banco neste sector: ABANCA Mar
O banco e o grupo de acción local acordan unha oferta financeira vantaxosa para este colectivo

08.06.2018. ABANCA renovou esta mañá a alianza que mantén co Grupo de Acción Local do sector pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal co obxectivo de impulsar o desenvolvemento socioeconómico da poboación pesqueira nesta franxa costeira.

O director de zona de ABANCA na Mariña, Carlos Teijeiro, e o presidente do GALP A Mariña-Ortegal, José Basilio Otero, foron os encargados de asinar o novo acordo, nun acto celebrado en Burela.

Ademais do firme compromiso das dúas entidades de poñer en marcha iniciativas para mellorar a competitividade deste sector, o protocolo asinado hoxe inclúe unha oferta financeira de ABANCA personalizada para o colectivo. O texto renovado ofrece produtos de circulante como Credimar, una póliza de crédito de ata cinco anos sen comisións; Anticipo Mar, para adiantar sen comisións o cobro de subvencións e impostos; ou Confirmar, para o financiamento de mareas, pagos de gasóleo, dereitos de pesca, etcétera.

O GALP A Mariña-Ortegal naceu no ano 2009 co obxectivo de colaborar na gobernanza da súa zona de actuación, que abrangue 13 municipios da costa lucense. O grupo participa activamente na construción da capacidade organizativa da zona pesqueira, e serve de núcleo de converxencia e representación de entidades e axentes socioeconómicos con interese no desenvolvemento integral e equilibrado da área. Representa a un total de 50 entidades locais, entre concellos, confrarías de pescadores e outras organizacións profesionais vencelladas ao sector pesqueiro, asociacións de empresarios e comerciantes, e agrupacións de carácter social.

Este marco de colaboración súmase aos acordos en materia financeira que a entidade financeira galega mantén coa maior parte das confrarías de pescadores de Galicia e as principais organizacións do sector, que reflicten o compromiso do banco con este sector estratéxico para a nosa comunidade. A través de ABANCA Mar, a entidade financeira pon a disposición do sector un crecente catálogo de produtos adaptados, ademais da proximidade e experiencia dun equipo de profesionais altamente cualificados e cun profundo coñecemento da heteroxénea cadea de valor do mar.