Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Comeza o programa “Xogando na Auga 2019”, Promovido polo GALP A Mariña-Ortegal

Un ano mais e despois do éxito conseguido na edición do ano 2018, o GALP A Mariña-Ortegal promove o programa “Xogando na Auga 2019”, que pretende achegar aos escolares do territorio do Ortegal ás técnicas de navegación en embarcacións de vela e de remos.

O programa “Xogando na Auga 2019” funcionará dende mediados do mes de maio ata os últimos días de novembro en coordinación cos centros de ensinanza, para achegar á navegación e aos deportes náuticos aos escolares de quinto e sexto de Educación Primaria, toda a Educación Secundaria e Bacharelato dos concellos de Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira e Valdoviño.

As actividades realizaranse no encoro das Forcadas en Valdoviño, ou nas rampas, pantaláns e zonas marítimas, que dispoñan das condicións axeitadas, situados nos concellos dos centros beneficiarios do programa.  Durante tres horas os rapaces recibirán unha unidade didáctica con tarefas e explicacións divididas en dous bloques de contidos: os dedicados á navegación a vela, e os dedicados ó piragüismo e a navegación a remos.

Actividades de modalidades deportivas tradicionais como a  vela lixeira e o piragüismo mesturaranse con outras máis recentes coma o paddle board para configurar unha experiencia recreativa e educativa de contidos eminentemente procedimentais. Trátase de que os rapaces teñan un primeiro contacto coa navegación e adquiran unhas habilidades rudimentarias que lles servan para gobernar unha embarcación con ventos frouxos e sobre unha lámina de auga moi estable. Orientarse respecto ó vento, crear unha palanca co remo, facer unha virada, manexar a caña do temón, cazar as velas, colaborar cos compañeiros e divertirse na auga son exemplos dos contidos obrigatorios desta sesión.

Locais, embarcacións colectivas e individuais e técnicos de diferentes disciplinas deportivas poranse á disposición dos 450 beneficiarios do programa financiado polo GALP A Mariña-Ortegal, co obxectivo de sensibilizar e poñer en valor o acervo cultural relacionado coa navegación tradicional e as artes mariñeiras, tan importantes para a supervivencia da poboación dos concellos costeiros.

Os días 13, 14, 15 e 16 de Maio, iniciarán este programa con actividades de vela, piragüismo e paddle board no Encoro das Forcadas, os escolares de 1º de ESO e 1º de Bacharelato do IES Cabo Ortegal de Cariño e  os de ESO do IES Punta Candieira de Cedeira.

Para mais información, contactar en: xogandonaauga@gmail.com