
O mércores, día 24 tivemos o pracer de recibir a visita do investigador Park, Sang-Woo, asociado ao “Centro de Investigación para el Desarrollo Regional Marítimo y Pesquero” de Korea, que viña acompañado da súa intérprete Rudi.
A división de investigación de políticas pesqueiras, leva a cabo investigacións sobre recursos pesqueiros, oferta e demanda, procesamento, distribución, comercio, produtos pesqueiros, recursos humanos para actividades de pesca. Tamén leva a cabo estudos sobre o desenvolvemento das zonas de pesca e a cooperación internacional en materia de pesca.
A visita tivo como finalidade coñecer en profundidade o funcionamento do noso GALP e a implicación do mesmo no desenvolvemento da nosa zona pesqueira, así como o grao de execución de proxectos no período anterior FEP 2007-2013 e neste novo período FEMP 2014-2020.
Así mesmo, acompañado pola Xerente do GALP puido coñecer tres dos proxectos financiados polo Grupo con fondos FEP: “Reef Water Coral Farm”, “Conservas Tradicionais Currimar” e “Restaurante-Marisquería A Marquesa”; neste último tivo a ocasión de degustar peixes e mariscos procedentes das lonxas locais.
Park quedou impresionado da calidade dos proxectos financiados e da cantidade de novos negocios creados por mulleres e/ou xente nova, así como do número de empregos creados con estes proxectos.
Dende o GALP agradecemos a amable colaboración dos promotores destes tres proxectos: Vanesa, Nieves e Matías

