
O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal pon en marcha DIVULMAR, un proxecto integral de sensibilización dirixido a toda a cidadanía co obxectivo de conxugar a posta en valor da riqueza dos fondos mariños coa concienciación sobre o consumo responsable. A iniciativa, organizada por Maremasma, profesionais da bioloxía mariña e a conservación con máis de 10 anos de experiencia, aposta por un formato educativo e inclusivo, donde o obxectivo fundamental é a posta en valor do patrimonio medioambiental do territorio da Mariña-Ortegal e a importancia do coidado e da conservación da súa biodiversidade a través dun enfoque didáctico e práctico.
O proxecto ten un forte compoñente de investigación e divulgación: ademais de documentar por primeira vez certos hábitats submarinos vulnerables, creará contido exclusivo sobre pesca e consumo.
Proxecto integral: Exposicións, Tecnoloxía e Biodiversidade
DIVULMAR presenta un amplo abano de actividades e materiais deseñados para conectar á toda a poboación co medio mariño:
1. Experiencia 360º: Mergullando nos ecosistemas mariños. Os participantes poderán coñecer os fondos da Mariña-Ortegal a través dunha inmersión con lentes de realidade virtual, narrada por profesionais, dirixida a todos os públicos.
2. Exposición Fotográfica: Presentación da mostra "OCÉANOS, unha viaxe dende as augas de A Mariña-Ortegal ata os diferentes ecosistemas mariños do mundo".
3. Exposición de Biodiversidade Mariña e Impactos: Unha mostra didáctica que aborda tanto a inmensa riqueza da fauna e flora local como a problemática da contaminación e os residuos.
4. Obradoiro de pintura sobre o medio mariño. Enfocado principalmente ao público infantil.
5. Vídeos Exclusivos. Presentación dun vídeo con imaxes capturadas in situ polos propios membros do equipo de Maremasma, que garanten a autenticidade da documentación e ilustran as especies máis características. O vídeo pon en valor o patrimonio mariñeiro, e os recuros costeiros da contorna de A Mariña – Ortegal.
Non perdas as XORNADAS INTERACTIVAS:
- Valdoviño: Océano Surf Museo (8 de novembro)
- Foz: CENIMA (15 de novembro)
Horario: 10:00h a 14:00h e 17:00h a 19:00h. A inmersión 360º é por orde de chegada.





