Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

“O mar é o noso gran reclamo, que debemos coidar e continuar modernizando" #QuedaCoNosoMar #QuedaConNuestroMar

Fran Cajoto, presidente da Mancomunidade da Mariña Lucense.

Todo o mundo viviu nas últimas semanas as consecuencias da pandemia da covid-19. Como se afrontou desde a Mancomunidade e desde os concellos que forman parte dela?

Con gran responsabilidade. A prioridade máxima foi a saúde das nosas veciñas e veciños, con desinfeccións de espazos públicos e actuacións para garantir o distanciamento físico. Asociada á crise da covid-19 vivimos unha grave crise económica. Resultou moi duro ver as carencias de moitas familias ata no máis básico, que solventamos en gran medida con axudas municipais e desde os bancos de alimentos. A través da Mancomunidade, que é o punto de encontro dos concellos da Mariña, poñemos en común información e apoiámonos mutuamente: nun momento no que o turismo do xeodestino era inexistente, as prioridades foron a saúde e a economía das familias, por ese orde.

Os concellos da Mancomunidade viven mirando cara o mar e esta actividade supón un gran impulso ás súas economías. Por qué é tan importante concienciar sobre a relevancia deste sector?

Na Mariña temos que ser conscientes dos nosos puntos fortes e das nosas potencialidades. Na comarca o sector da pesca foi sempre fundamental: se oímos bonito ou pescada pensamos directamente na Mariña, nos portos de Burela e Celeiro. A tradición e o oficio dos mariñeiros da zona é recoñecido en todo o mundo, en Foz hai moitos profesionais e familias que aprenderon as artes de xeración en xeración. O mar é un recurso que hai que coidar, non sobra emprego na nosa comarca: debemos seguir avanzando na modernización para ser competitivos e apostar por sectores complementarios que acheguen valor engadido, como o transporte de mercadorías por medios mariños: o dique norte do porto de San Cibrao está completamente desaproveitado.

Non só a pesca e o marisco, tamén o turismo é un aliado do mar e vive del. Xa se vai perfilando con que medidas se abrirá pouco a pouco o turismo na zona?  

Volvo introducir a palabra responsabilidade. Somos un destino pouco masificado, pero temos que ser moi coidadosos na xestión do proceso de desescalada, evitar as aglomeracións, os grandes eventos: non nos podemos permitir retroceder de fase por querer avanzar demasiado rápido. Temos praia e temos interior e capacidade para ofrecer un turismo de calidade. Será recurrente este ano garantir espazo público mediante o peche de rúas ao tráfico ou separar o acceso de peóns con direccións de sentido único. Temos que apelar á responsabilidade de todos: os establecementos comerciais desenvolven un papel fundamental, é complexo pero hai que reinventarse en moitos sentidos. A calidade será máis importante ca nunca: a cantidade non nos está permitida pola crise sanitaria. Estou convencido de que a gastronomía pesará cada vez máis nas viaxes futuras e na nosa cociña o sabor do mar é peza fundamental.

Como se afrontan os próximos meses, cales son as perspectivas de reactivación da economía, sobre todo no eido do mar e o turismo?

A pesca nunca se detivo, pero si que é certo que o peche de bares e restaurantes provocou unha baixada de prezos do peixe que é inasumible: o sector ten que ser sostible e pesca e restauración van da man. Debemos avanzar tamén na relación entre o mar e o turismo: contamos xa con empresas punteiras especializadas en surf e en buceo. Podemos gozar dunha bonita excursión entre Foz e As Catedrais ollando as costas de Barreiros ou navegar en barco pola ría de Viveiro. O mar é un gran reclamo, o noso gran reclamo. O Cantábrico sempre estará do noso lado se sabemos coidalo.